Emigrados

Santiago Garrido Rial
Santi Garrido PICO DE MEDA

CORISTANCO

19 ago 2020 . Actualizado a las 09:28 h.

Hai uns días soubemos a historia dun Facal de Uruguay que forma parte do equipo científico que dirixe a loita contra o covid en Uruguai, e por certo con moito éxito. Sendo Facal tiña que ser de aquí, claro. De Oca, Coristanco, de onde partiron seus pais, e curiosamente cun primo en Canadá -fillo dun tío que marchara da mesma parroquia cara Montevideo e logo cara arriba- que chegou a ministro federal do Quebec: aínda é moi novo e dá bastante guerra intelectual, da boa.

Cos anos, lendo historias de emigrantes da zona, a través de libros ou de publicación americanas, un vai descubrindo as herdanzas que deixaron os nosos veciños durante tantos decenios. As que brillan, coma estas dúas e coma bastantes máis, son as que seguen para sempre, ou para moito, pero eu prefiro as da xente anónima, que loitou para sobrevivir, e da que ninguén se lembrará agás por traballos que merecen moitas recompensas como os de Luis Lamela, rescatando do silencio eterno pequenos fíos de vidas sinxelas que se perderon nas terras americanas.

Ás veces busco por apelidos nas bases de datos (sobe todo arxentinas) que aportan procedencias, chegadas, anos e nomes dos barcos, e aí están, os datos de familiares directos que partiron hai case un século, deixando todo atrás, e a saber que sería deles despois da quinta carta e da única foto remitida. Só se pode indagar un pouco nas bases telefónicas, sempre que o apelido sexa singular (na Costa da Morte temos varios así), nos foros migratorios que xa perderon toda a forza que unha vez tiveron, e na imaxinación recordos de parentes que contan que lles contaron que... Non serve de moito, a estas alturas da vida, pero axuda a tapar os buratos da parede xenealóxica.