O espazo «Voces do Agro» ocupouse onte dun coidado básico no eido da fruticultura
17 ene 2017 . Actualizado a las 05:00 h.A poda foi un dos temas centrais do espazo Voces do Agro emitido onte en Radio Voz. Ao micrófono estivo José Luis Vieites, técnico especialista en administración e xestión de empresas agrarias, presidenta de asociación Fonte Salgueira, de Entrecruces (Carballo) e docente das xornadas de fruticultura que serán impartidas a finais deste mes na EFA Fonteboa (Coristanco).
-Estamos no tempo da poda.
-Xusto, estamos no momento propio e adecuado pola época en que estamos, cas árbores coa savia parada e pola lúa, que tamén inflúe nestas cousas.
-¿Como afecta ás arbores non ter tido este inverno tantas horas de frío como precisan?
-Non houbo esas horas e non sei se virán porque o tempo vai pasando; de feito moitas árbores están enganadas e teñen ramas con follas e con flores e todo iso vaise perder.
-¿Que diferenza hai entre podar e cortar?
-Cortar está claro, pero para podar tes que pensar como a arbore se desenvolve, tes que saber como tes que facelo, que día vas escoller, as polas que tes que deixar e as que vas cortar... Tes que coñecer as xemas, saber as que che van dar froita. A diferenza é moitísima porque para cortar non hai que saber moito e para poder hai que entender a árbore.
-¿O primeiro sería saber darlle unha forma correcta?
-O primeiro sería sabela plantar. Moitas árbores están morrendo porque veñen en macetas e simplemente sácanas de alí e métenas nun burato e as raíces quedan todas enroscadas e ao cabo de poucos anos morre ou tírao o vento. Hai que estenderlle as raíces no burato para que se vaia afianzando ben. Xa á hora de podar, a primeira é de formación, para darlle a forma á arbore que nos queiramos, e pode levar tres ou catro anos. Despois temos a poda de frutificación, que é cando tentamos quitarlle a árbore a mellor froita e na maior cantidade posible. E ao final temos a de mantemento, que é para aguantar á árbore e que manteña a forma. Hai que evitar que non haxa moitos roces entre as ramas porque no momento que se rozan a pel sufre, fai unha ferida e é por aí onde entran as enfermidades.
-¿Que importancia ten que a árbore non estea moi espesa?
-Se temos moita rama e moita folla imos ter moita froita, pero vai ser pequena e con pouco azucre, insípida. O aire e a luz son moi importantes tamén para a saúde da árbore.
-¿Hai que coñecer moi ben a árbore e as súas distintas partes?
-As distintas partes e os distintos tipos de árbore porque cada un ten unha poda distinta. A poda máis xeneral é a que se fai en vaso ou copa, pero hai árbores que prefiren a de pirámide, e outras, como a viña ou o kiwi, a parra. A maceira, por exemplo, prefire a de vaso, e a pereira, a de pirámide porque as ramas son máis débiles e así a árbore medra menos e coa froita máis pegada ao tronco e pode aguantar máis.
-¿Hai que ter en conta a lúa para podar?
-Se un o fai para el mesmo ou para amigo, si, pero se o fai para unha empresa non porque hai un refrán que di ‘home moi lueiro, pouca palla ve no palleiro’, así que non se pode estar con iso. Pero a lúa inflúe nas mareas e eu penso que inflúe tamén no humor da xente e un pouco en todo. Cando fago podas para amigos trato de facelas en lúa descendente, desde a lúa chea ata a lúa nova.