Así nos vai

Santiago Garrido Rial
Santi Garrido PICO DE MEDA

CORISTANCO

Que pode levar a uns chavales (ou uns maiores, a saber) a achegarse ata Pedra Vixía e comezar a romper todo o que hai alí? E seguramente nada máis porque non foron capaces. ¿Que tipo de goce sente esta xente? Xa sei que pasou máis veces, e que pasará (A Rocheira de Coristanco, a maioría dos parque urbanos, farolas, marquesiñas, bancos, a desfeita hai tempo cunha retroexcavadora en Gabenlle...), pero iso non axuda a entendelo. Hai un déficit de comportamento aínda en moita xente que no se dá atallado. Son os casos estremos, pero non os únicos.

A falta de respecto polo que é de todos vese a miúdo en pequeniñas gotas por todas partes: as cascas das pipas tiradas nos parques malia poder recollelas e emborcalas na papeleira do lado; o estacionamento nun lugar expresamente prohibido con outro habilitado a só cinco metros na otra beira (vino onte, e tantas veces, na Valle Inclán); cuspir na rúa, fumar na porta dun local e tirar as cabichas amoreadas podendo deixalas no cinceiro; fumar dentro, andar polo monte e tirar desperdicios polos camiños, ir conducindo e lanzar unha lata ou papeis pola ventanilla (vino o domingo), non respectar a prohibición de xogar co balón en espazos nos que está claramente establecido, levar os cans a zona nas que se ve o indicativo de que non se pode...

Temos a sorte de que a inmensa maioría cumpre as normas cívicas e de educación, pero mentres haxa unha minoría que manteña estes costumes, o vandalismo non desaparecerá. Todo se mama.