¿UN MUSEO PARA O MAR?

La Voz

CORCUBIÓN

FRANCISCO X. F. NAVAL EL EXPERTO

10 jun 2001 . Actualizado a las 07:00 h.

Referencia das primitivas navegacións atlánticas, alimentada polo mar dende o principio, por mar tantas veces atacada e as veces conquistada, destino das barcas de pedra que deron lugar ó mito, orixe da primeira armada peninsular, pesqueira, conserveira, constructora de buques, de peiraos, de vivendas e de faros, mar da emigración, do abrazo, Galicia segue sen ter un museo do mar. ¿Carencia de cartos?, ¿conflicto entre cidades?, ¿falta de decisión social e política?. Semella que Galicia hoxe necesita afastarse do mar, ollar para outro lado, e así vencer a mala conciencia que nos produce esa insistencia que temos en negar o que nos deu a vida. É esta una carencia que reflicte unha vez máis o colectivo desdén polo que nos identifica. Pasa como coa lingua, semella que necesitamos esquecer o que somos. Os proxectos de museo que se anuncian, aínda non son realidade -agás esos esforzos que sobreviven en San Ciprián e Corcubión- e todos nacen limitados de xeito que seguiremos agardando por un centro, capaz de dar unha visión do que significou e aínda significa o mar na vida de Galicia.