A pegada de Dorothé Schubarth

Xesús Fraga
xesús fraga REDACCIÓN / LA VOZ

CERCEDA

Victorina de Vilar (informante de Dorothé) e María de Fetós, ambas de Carnota, nun fotograma do documental
Victorina de Vilar (informante de Dorothé) e María de Fetós, ambas de Carnota, nun fotograma do documental

Un documental aborda o proceso de recollida do seu «Cancioneiro popular»

16 ago 2020 . Actualizado a las 12:07 h.

Hai case dez anos, o músico coruñés Richi Casás, daquela estudante de saxofón no Conservatorio Superior, atopou de casualidade unha fotografía que descoñecía da súa avoa Rosa. Non era un retrato calquera: figuraba na capa dun dos sete tomos que editou a Fundación Barrié do Cancioneiro Popular Galego recollido e ordenado por Dorothé Schubarth e Antón Santamarina. Casás tamén descoñecía que a súa avoa, ao igual que a súa tía Adolfina, fora unha das informantes durante o traballo de campo nas décadas dos 70 e 80 do pasado século.

Aquela revelación reorientou a formación do músico, que reinterpretou en clave de jazz aquelas pezas para o seu traballo de fin de carreira, bautizándoo como Fuliada na Vila, por A Vila da Igrexa, en Cerceda, onde vivían Rosa e Adolfina e en cuxo apeadoiro, hoxe inactivo, chegou un día de 1980 Dorothé Schubarth á procura das cantareiras das que lle falaran. E a escasos metros atópase o túnel onde ensaia Casás, fascinado polo son da bóveda e pola historia que vincula a súa familia coa musicóloga suíza.

Richi Casás ensaia no túnel baixo o apeadoiro ao que chegou Schubart na procura da súa avoa Rosa
Richi Casás ensaia no túnel baixo o apeadoiro ao que chegou Schubart na procura da súa avoa Rosa

Fascinados quedaron tamén Alejandro Gándara e Olaia Tubío cando no 2018 escoitaron aquel relato por boca do saxofonista. Tanto, que, como fixera Casás, empezaron a seguir as pegadas de Schubarth en Galicia. O resultado dese interese é o documental Dorothé na vila, que por un lado examina os lugares e as persoas que se converteron en informantes do Cancioneiro hai xa corenta anos, mentres que por outro ofrece unha narración paralela, o do intento dos autores da película por achegarse á figura da musicóloga suíza.

 

Manolo de Louzarela e a súa neta escoitan a gravación orixinal de hai corenta anos
Manolo de Louzarela e a súa neta escoitan a gravación orixinal de hai corenta anos

Cantar botando as vacas

Do 2018 ata comezos deste 2020, Gándara e Tubío buscaron a esas persoas que gravou Schubarth na súa pescuda musicolóxica. Un itinerario que os levou a Pedrafita do Cebreiro, O Courel, A Fonsagrada, Pol, Cerceda, Muxía, Dumbría, Carnota e Tordoia, e a coñecer a persoas como Victorina de Vilar de Parada, Marina de Lúa ou a Manolo de Louzarela. Este último, por exemplo, lembra ante a cámara como aquel día de 1979 -aínda que a el lle parecese de 1950- atendeu a Schubarth, non sen antes advertila de que tiña que saír a «botar as vacas», tarefa á que ela se sumou de bo grao. Protagoniza tamén un dos moitos momentos emotivos do documental, cando a familia e mais el escoitan a gravación orixinal de hai catro decenios, un intre tenro mais non desprovisto de humor: «Pareces El Fari», dille con retranca e agarimo a neta.

«O documental non pretende ser un resumo do labor de Dorothé en Galicia, ou da súa obra, senón un humilde complemento ao traballo que ela fixo hai corenta anos, se acaso para que máis persoas se acheguen a el», explican os directores da cinta, que se estrea en primicia o vindeiro día 27 no Parque de Bonaval de Santiago (22.00 horas), no marco da Mostra Internacional de Cinema Etnográfico do Museo do Pobo Galego. O que si buscaron Gándara e Tubío foi compor «un relato emocional e humano que abrangue dende aqueles anos ata o día de hoxe», polo que, inevitablemente, testemuña un xeito de vida que en moitos casos xa desapareceu. Unha homenaxe tamén ás informantes e a Schubart, que se amosaría máis complexa do que agardaban.

Alejandro Gándara e Olaia Tubío, directores e narradores de «Dorothé na vila»
Alejandro Gándara e Olaia Tubío, directores e narradores de «Dorothé na vila»

Unha estrutura narrativa que incorpora ao público na cerna mesma do proxecto

A intención orixinal de Gándara e Tubío foi que Schubarth os acompañase neses reencontros cos que foran os seus informantes. Pero a musicóloga declinou o convite e esa ausencia obrigou aos directores do documental a buscar outras estratexias narrativas. Optaron por reproducir algúns dos correos electrónicos que intercambiaron con Schubart e, con gran acerto, incorporaron ao propio resultado final de Dorothé na vila parte do proceso de elaboración, coas súas preguntas, dúbidas e incertezas. Xa que logo, os directores asumen tamén o papel de narradores, o que achega naturalidade -gheada e seseos incluídos- e un punto de vista que leva ao público á cerna mesma do proxecto. Si gravaron un encontro con Antón Santamarina, figura clave na realización do Cancioneiro, uns minutos que, situados contra o final da película, ofrecen unha sorpresa ao espectador.

Dorothé na vila, que contou cos traballos de Lucía Estévez na montaxe e de Rubén Gasalla como director de fotografía e coguionista canda Gándara e Tubío, foi un dos proxectos galardoados na segunda edición do premio Luísa Villata da Deputación da Coruña. Recibiu os apoios tamén de Schubart e Santamarina e mais da coordinadora do Arquivo de Patrimonio Oral da Identidade do Museo do Pobo Galego, Concha Losada.