O silencio antes do incendio

Ramón Vilar Landeira FÓRA DE COBERTURA

CERCEDA

Poucas veces estiven máis nervioso que o 7 de setembro de 2007. Había motivos sobrados. Algunhas semanas antes, dende a asociación cultural Lucerna pedíranme ser o pregoeiro do festival de rock de Cerceda. Nunca en tal apuro me vira. Mais, quen se pode negar a unha mostra de cariño en terra propia? Coma se fose un secretario de Estado, desfilei pola rúa principal da vila acompañado dunha charanga. No Campo da Feira lin o texto que levaba preparado. O éxito daquel pregón foi, recorrendo aos eufemismos, discreto ou moderado. O público era fácil de contar: a xente da asociación, tres ou catro veciños despistados, meus pais e eses amigos e amigas que saben de sobra cando che abanean as pernas.

Mais aquel venres de setembro téñoo tamén gravado na cabeza porque foi o primeiro día que saíu nunha das conversas da panda a palabra crise. Durante todo o verán as bolsas de todo o mundo non deixaran de dar sobresaltos polas chamadas hipotecas subprime. Aquela gran bola viña agrandándose dende seis anos antes, cando os Estados Unidos, logo dos atentados contra as torres xemelgas, decidiron liberalizar mercados, baixar impostos e abrir a tope a billa do crédito. Quedaba o camiño achanzado para a especulación salvaxe. No fondo, era unha fuxida cara adiante, unha maneira de retrasar algún tempo máis a gran explosión que xa se sabía inevitable.

A maioría dos nosos amigos mercaran piso ou construíran unha casa. Pechábase un ciclo vital. Nós seguiamos de aluguer, basicamente por iso que eufemisticamente se denominaba xa daquela mobilidade laboral. Non tiñamos nin idea de onde podiamos estar residindo o ano seguinte. Aínda así os bancos estaban dispostos a prestarnos os cartos sen pensalo demasiado. E iso que no pico da festa, unha vivenda nova en Lalín chegaba con facilidade aos 150 mil euros e en Santiago superaba os 200 mil. Case nove anos despois daquilo, nin vivimos no Deza nin na capital de Galicia. E a dicir verdade, estamos aliviados de non ter comprado unhas vivendas que hoxe nos serían moi pouco prácticas e aínda por riba unha carga.

Dicía que xa se vían, moi ao lonxe, as primeira columnas de fume. A compañía americana Blackstone anunciara a creba e poucos despois, un relevante banco hipotecario estadounidense, o American Home Mortgage, recoñecía que non tiña nin para pagar o café dos empregados. Axiña se falou da exposición de todo o sector financeiro mundial á incipiente crise.

Aquel 7 de setembro de 2007, dous días despois de que as bolsas do chamado primeiro mundo caesen en picado, nós comiamos tortilla e tomabamos unhas cañas na de Alejandro. Alguén, mentres acendía un cigarriño, comentou que se ventaban tempos difíciles. Todos calamos. Sorprendeume aquel silencio unánime. Flotou incómodo un bo lapso de tempo, acompañando as formas reviradas que ía tomando o fume do tabaco. Saímos para fóra. A música do festival envolvía a vila: Os Veraneantes, Rumborrachera, Zënzar e Malandromeda. Apuramos a fin de semana, eramos conscientes de que o outono xa se preparaba para petar na porta.

Despois chegou a invernía: desemprego, preferentes, emigración, tarxetas blacks, desafiuzamentos e catálogo completo de latrocinios e corruptelas. Pero sobre todo o aniquilamento da xeración inmediatamente posterior á nosa. Esa que agora anda entre os vinte e moitos e os trinta e poucos anos. Máis ou menos os mesmos que tiñamos nós cando alguén da panda comentou que se ventaban tempos difíciles. A continuación chegou aquel silencio mesto e sorprendente. Ningún de nós atopou palabras. O incendio era só unha columna de fume que apenas se albiscaba no horizonte.