A noite que non camiñamos sós

Ramón Vilar Landeira CARBALLO / LA VOZ

CERCEDA

CRISS BECERRA

O Rodís SD estreou o seu palmarés conquistando a Copa de Peñas da Coruña

08 jul 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

A mediodía do pasado venres quedara para xantar en Santiago. Tocaba reencontro con amigos que andan espallados por Europa e América dende que espertamos nunha crise. Apertas grandes, moitos risos e aínda máis ganas de que as cousas cambien. Despois dunha sobremesa longa e divertidísima despedinme deles para ir camiño do estadio Roxo de Cerceda. A primeira hora da noite o Rodís disputaba co Peisaco-A Pía a final da Copa de Peñas da Área da Coruña. Un trofeo extraordinariamente modesto, si, pero que transcende con moito o valor material dese anaco de latón bañado en prata.

Que eu recorde, colectivamente, nunca gañamos a nada. Por iso cando Pablo primeiro e Marco despois abriron o fecho da portaría rival, soubemos que tamén podiamos construír a nosa propia historia. O verdadeiramente importante foi que desexamos e celebramos algo. A escala micro, veu sendo algo así como cando o Deportivo gañou en 2000 a Liga, unha excentricidade que quen sabe cando se volverá repetir.

Os pequechos erguíanse dos asentos sen acabar de entender por que 300 persoas vibraban na grada. Mentres cascaba mil e unha pipas, lembrei aquel partido en Viladabade ao que me levou meu pai. Ano 1979. Xogamos coma nunca e volvemos perder coma case sempre. A mellor imaxe daquela desilusión infantil é a de Suso de Xusto sangrando pola cabeza logo dun choque aéreo. Por certo, algún día haberá que lle recoñecer os máis de 40 anos de xogador, adestrador, directivo e apoio incondicional.

Como esquecer a Liga do Cobertizo, a sala de festas de referencia da zona? Vinte equipos de Cerceda, Tordoia, Carballo, A Laracha e Ordes. Era a tempada 1981/82. Sabiamos da clasificación cando Chucho apuntaba os resultados no encerado da cafetería. Sempre estabamos da metade da táboa para abaixo pero nós cada fin de semana acudiamos ilusionados ao desaparecido campo da Gatiñeira (A Tablilla).

En 1989 nace na Cima o San Martiño, único equipo da parroquia que se logrou federar e que acumula máis de 25 anos de meritoria andaina na Terceira e na Segunda Autonómica. Pola contra, a historia da peña é tan modesta que por veces nin existe. Parece a dun deses regatos da montaña que por tramos desaparece comesto pola maleza.

Mentres que sobre o céspede do Roxo se abrían as botellas de cava, lembrei un verán de 1992 agardando por un trofeo que nunca chegou. Gañaramos o torneo dunhas festas e a comisión fixo a avioneta para non ter que entregalo no descanso da verbena. A memoria, que a miúdo é cabronamente nostálxica, ten eses estraños pinchacarneiros. Por iso busquei a José Manuel, a Richard e a Casas. E aí quedou a foto, 23 anos despois, máis vellos e, sequera por unha noite, tamén máis felices. Non hai maiores alegrías que as colectivas: permanecen no recordo cando se apagan as luces e axudan a levar as miserias máis íntimas, as que temos que ir saltando a diario. De volta na casa, deitamos os rapaces. O maior, exultante pola vitoria, negárase a sacar unha camisola que lle chegaba ata os nocellos. Contra as dúas chegoume unha mensaxe ao móbil: «Empatamos o xantar coa cea e agora toca retirada. Parabéns pola copa...Vémonos para o ano!»

Na cama pensei nos equipamentos que tivo o equipo: camiseta branca e pantalón vermello; elástica vermella e branca e pantalón negro; azul e pantalón branco...O último é completamente vermello, coma o do Liverpool. Deberiamos copiarlle o himno: You´ll never walk alone (Ti nunca camiñarás só). ?Aínda que os teus soños escachen / camiña, camiña, con esperanza no corazón / nunca camiñarás só?. Pois iso, aquí, en Europa, ou en América.