Sogama celebrará o venres o Día Mundial do Medio Ambiente
01 jun 2015 . Actualizado a las 05:00 h.A Sociedade Galega do Medio Ambiente celebra este venres 5 de xuño o Día Mundial do Medio Ambiente. E vaino facer apostando unha vez máis, pola compostaxe doméstica. O edificio de Cerceda acollerá unha xornada á que asistirán varios expertos na materia. Cóntanos máis detalles Teri Campos, responsable de comunicación de Sogama.
-¿Como celebrarán o 5 de xuño?
-Imos abordar as posibilidades da compostaxe na agricultura ecolóxica. Para iso convidamos aos representantes dos municipios adscritos, pero tamén aos particulares que quixeron sumarse a esta iniciativa porque se enteraron a través de outras fontes.
-¿Como saíu a aposta pola promoción da agricultura ecolóxica?
-Foi unha experiencia moi satisfactoria. Queriamos indagar as posibilidades que ofrecía o compost doméstico no campo da agricultura ecolóxica. Imos aproveitar na xornada para ofrecerlle aos visitantes unha visión das posibilidades que ofrece este eido na cosa comunidade.
-¿Por que Sogama insiste tanto na compostaxe doméstica?
-Hai dúas razóns fundamentais. A primeira, a súa dimensión medioambiental, porque temos un abono natural cunhas propiedades fertilizantes moi boas para o solo. E segundo, porque se aproveitamos os refugallos orgánicos para a compostaxe, evitamos enviar todo ese lixo a Sogama. Reutilizar ese lixo é bo para todos. Levamos con este proxecto desde 2010 e somos os primeiros sorprendidos coa boa acollida que tivo desde o comezo. Xa hai máis de cincuenta entidades adscritas e repartimos máis de 4.000 composteiros por toda Galicia.