O último adeus

La Voz

CERCEDA

CASAL

NOVOS TEMPOS FARRUCO GRAÑA | O |

02 nov 2006 . Actualizado a las 06:00 h.

Para os nosos antepasados a natureza, e por extensión a muller, representaban a vida. Tamén a morte, como a nós agora, os estremecía. Vendo que os nosos corpos teñen calor cando están vivos, e que se quedan fríos unha vez mortos; decatándose de que ao durmir semella que temos outra vida, como se unha parte de nós emprendera unha viaxe cada vez que soñamos; observando, en fin, que nese último momento exhalamos o derradeiro hálito, deron en matinar que en realidade emprendemos unha viaxe ao máis alá. As crenzas relixiosas ancestrais da nosa terra conserváronse moi fielmente ata mediados do século XX. Canto máis urbano se foi facendo o noso modo de vida, máis se viron afectados os nosos costumes e tradicións á hora de afrontar o tema da morte. Botemos unha ollada cara atrás. Ao morrer unha persoa había que lavar toda a roupa que usaba; tamén a da cama. Podíase chegar a fervela en auga quente, ou a queimala. O mesmo ocorría co sergón (para os máis novos: colchón feito de palla -en casa pobre- ou con carrupa ou poma de millo -se se podía máis-). Esta purificación, se ben pode ser comprendida en clave relixiosa, tamén cumpre unha clara función hixiénica: non esquezamos a incidencia de determinadas enfermidades infectocontaxiosas (sarnas, tubercoloses...). Outrosí, o gando requiría de atencións. Non se podía sacar a pacer: bruaría sen xeito nin traza. Sería bo que fora para unha corte veciña. Nisto non había regras fixas para todos: en zonas de Lema e Oza sacábase o gando a pacer aínda que houbera un defunto na casa. Os veciños mais achegados encargábanse de facer os labores. Os parentes máis próximos acompañaban ao defunto no velorio, que se adornaba o mellor que se podía: un manto negro ao fondo, catro candelarios e mariposas en aceite. En sitios como Calvelo (Sofán) e San Mede (Tordoia) usábase a cor branca. De non haber na casa un manto para a ocasión había obrigación de deixárllelo. Todos os veciños que tiveran algún trato co defunto ou cos seus han de pasar polo velorio. As mulleres centrábanse especialmente en rezar e en velalo. Aquelas que souberan o rosario sempre foron moi ben consideradas. E se sabían botar algunha latinía, moito máis. Os homes adoitaban quedar máis nun segundo plano, na eira. Os contos sucédense. Pola noite, nun ambiente máis íntimo, entre familiares directos e veciños moi achegados, podíase chegar a xogar incluso ás prendas co defunto. Non é que isto fora norma. Pero algunha vez ocorría. O enterramento Ao outro día, o enterramento. Chegaba o crego e había que partir. O defunto debía saír pola porta principal da casa. De haber algún problema de espazo que obrigrara a sacar o defunto por unha xanela, o cadaleito debería ser introducido de novo na casa e simular telo sacado pola porta principal. Para prever unha mala sombra, nin as mulleres embarazadas nin os cativos debían asistir ao enterro. Tampouco, os parentes de primeiro grao, que debían quedar na casa. De camiño cara a igrexa era obrigada unha parada en cada cruzamento. Segundo a casa tivera máis ou menos poderío, así habería máis ou menos cregos. Preferentemente os da táboa: xuntanza de sete parroquias para oficiaren celebracións relixiosas. Como exemplos, Montemaior, Rodís, Queixas, Coiro, Cerceda, Golmar e Bardáns; Sofán, Verdillo, Anxerís, Entrecruces, Rus e Aldemunde. Ocasionalmente, podían ser seis ou mesmo cinco os integrantes da táboa. Tras o momento crucial, tras o derradeiro adeus, de novo para a casa. Débese regresar por onde transcorreu o enterro. Nada de atallar. Por onde se foi, hai que volver. Ao chegar, a parva: convite feito a parentes e veciños achegados para agradecerlles o telos acompañado e axudado en momentos tan difíciles. Dous días de excepcionalidade deixan exhausto a calquera. Imaxínense, ademais, ir desde Calvelo ata a baixa de Sofán (andando), ou desde Lema ata Paradela (andando ou a cabalo), e acompañar ao defunto desde a súa casa ata a igrexa (a veces, ata seis quilómetros por carreiros, quen sabe se enlamados). É de xustiza repoñer forzas. Por último, durante os nove días seguintes, na casa do defunto rezarase o rosario ao rematar a xornada. Tras celebración tan intensa, volta á normalidade.