O programa comeza mañá, xoves, co encontro Mulleres e Garda Civil: 11.30 horas, auditorio Baldomero Cores
04 mar 2026 . Actualizado a las 05:00 h.Cunha programación «diversa e interxeracional» que botará a andar mañá coas Xornadas Mulleres e Garda Civil (11.30, auditorio Baldomero Cores), o Concello de Cee reafirma o seu compromiso «coa igualdade de oportunidades, a creación de referentes femininos sólidos e a construción dunha sociedade máis xusta e inclusiva». A maiores dos actos xa divulgados, dende o consistorio, nesa liña de visibilización e creación de referentes, sumará ademais unha intervención artística no parque infantil ceense. Dará comezo proximamente, da man dunha muller e artista local, «reforzando así a presenza feminina no ámbito da arte urbana, tamén historicamente masculinizado, e convertendo o propio proceso creativo nun exemplo visible de igualdade de oportunidades». Con iso, e cun concerto-contacontos para público infantil programado para finais de marzo, estenderase a todo o mes esta conmemoración do día 8 de marzo.
A lectura do manifesto institucional, o venres ás 12.00 horas na Praza 8 de marzo, será un acto participativo aberto ao público xeral no que colaborarán institutos e as asociacións APEM e Aspadex. Avanzan para esa xornada, por certo, «unha dinámica de gran impacto visual».
TOME NOTA, tamén inminente
Encontro Mulleres e Garda Civil. Seis representantes do corpo compartirán a súa experiencia profesional en distintos ámbitos de responsabilidade. Esta actividade pretende ofrecer testemuños directos de mulleres que desenvolveron a súa traxectoria nun sector historicamente masculinizado, poñendo en valor o esforzo, a vocación de servizo público e a capacidade de superación como elementos inspiradores para as novas xeracións.
Os actos continuarán o venres pola tarde (18.30, auditorio Baldomero Cores) coa II Mesa Redonda Mulleres de Cee; reunindo a convidadas procedentes de distintos ámbitos, que compartirán as súas vivencias persoais e profesionais. A través das súas intervencións poñerase en valor o importante papel da muller como guía, motivación e exemplo de que é posible acadar metas que tradicionalmente se consideraban difíciles ou inalcanzables.