Crónicas históricas | Unhas pinceladas ao fío dos cincuenta anos do centro educativo
12 ene 2026 . Actualizado a las 05:00 h.Alá por novembro presentábase no IES Agra de Raíces de Cee o libro Botando raíces, conmemorativo dos 50 anos do instituto na vila da Xunqueira. Nel, 18 aportacións desde os diferentes campos das artes de persoas vinculadas nalgún momento da súa vida a este centro. Eu, como exalumno, tiven a honra de participar neste fermoso proxecto, e desde un primeiro momento tiven claro que o mellor que podía facer era dar a coñecer como foi a propia historia do instituto desde as súas orixes ata os nosos días. Cincuenta anos dan para moito polo que por razóns de espazo, este artigo centrarase de modo resumido no acontecido nos decenios nas que estivo funcionado como centro educativo o edificio da rúa Buenaventura Castro Rial.
Aínda sendo a vila de Cee privilexiada no ámbito da educación desde ás últimas décadas do século XIX, grazas ó coñecido e valioso legado do filántropo Fernando Blanco de Lema, o certo é que a outra gran revolución educativa chegaría case 90 anos despois. En 1970 apróbase a Lei Xeral de Educación e en agosto dese ano principian en Cee as obras do novo instituto femenino (porque así foi plantexado nun primeiro momento), que se suman ás que xa se viñan realizando para o edificio da concentración escolar destinado a ensino primario (o colexio Eugenio López, actualmente Vila de Cee).
Ambas obras acabarían por cambiar a situación a nivel educativo na comarca, especialmente coa creación do instituto, pola repercusión que este tería non só para Cee senón para moitos concellos próximos, convertindo á vila ceense na capital educativa de referencia para boa do que hoxe chamamos Costa da Morte. Ambos centros serían inaugurados o 13 de outubro de 1973, xunto coa estatua monumento a Fernando Blanco, se ben haberá que esperar ata outubro de 1975 para que as primeiras clases fosen realidade no novo edificio ubicado no lugar en el Raíces, que consta de amplias, iluminadas y soleadas aulas, aunque por deficiencias técnicas hemos lamentado durante el año académico la falta de calefacción.
Nestes 70 xa aparecen no centro como profesores algúns que deixaron forte pegada na memoria colectiva, como foron Ana María Souto, Enrique Rey, Lorenzo Castiñeira, Conchita Mayer; Manuel Val, Jesús Garea, Adela Quintillán ou Don Antonino Castro. A finais desa década coa instauración plena da democracia e o posterior comezo da España das autonomías, as competencias educativas pasan a exercerse desde Galicia e xa nunha data temperá como a do 20 de decembro de 1979 aprobase a implantación como materia obrigatoria da Lingua Galega, que empezaría a impartirse no 1981.
Rematando o 1983, comezaba a traballar como bedel Luis López Fuentes e en 1985, como auxiliar administrativo, Divina Lago Freire, sen dúbida, as dúas persoas máis coñecidas polo alumnado, ao marxe do profesorado. Nesta década iríanse consolidando no centro algúns profesores que acabarían tendo unha longa traxectoria no mesmo como foron Manuel Castiñeira, José Antonio Martínez, Rosa Molina, María Carmen Gómez, José Ángel Alonso ou Manuel Vázquez Formoso.
O curso 1987-88 estivo marcado polo embarrancamento do Cason e a folga do profesorado ao tempo que as queixas polo mal estado de conservación do instituto, que case que foron unha constante durante toda a década, non paran de medrar. Empezarase a plantexar a necesidade dun novo edificio, o actual IES Agra de Raíces, que sería unha realidade, aínda que con numerosas deficiencias, o 4 de outubro de 1995. Nos anos seguintes, a implantación da ESO primeiro e incluso de ciclos formativos máis tarde, acabarían por transformar a realidade educativa dun centro que 50 anos despois loita cada día por ser útil á sociedade, formando ás mozas e mozos que nuns anos terán que desenvolver diferentes traballos e ocupar postos de responsabilidade. Confiemos en que cando lles chegue ese momento se lembren con orgullo do lugar no que botaron as súas raíces.