Querido Mon

Guadalupe Vázquez Formoso LABIRINTO NAS SOMBRAS

CEE

ALVELA

24 oct 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

día que entrei na Biblioteca Pública de Nova York —non podo precisar a data con exactitude, mais si que foi na década dos noventa—, pensei que estaba entrando no máis precioso dos museos de arte. Aquel interior de teito magnífico do cal penduran enormes lámpadas dignas de alumar un palacio, aquela aura de tranquilidade que envolve ao visitante e os altísimos estantes que albergan tantos centos de fermosos libros quedarame gravado na memoria ata o día que me renda a un sono sen máis soños, igual que tamén me quedará rexistrada na lembranza a frase que alí escoitei aquela mesma mañá. Explicáronme que o presidente daquela institución dixera que «o activo máis importante de calquera biblioteca marcha para a súa casa pola noite: o persoal bibliotecario».

O tempo demostroume a certeza daquela frase cando tiven o pracer de coñecer a Mon, que en paz descanse, o noso bibliotecario de Cee onte, hoxe e sempre. El adoitaba dicir que Cee ten tres luceiros que nunca serán apagados: a Virxe da Xunqueira, Domingo Antonio de Andrade e Fernando Blanco. El guioume no meu proceso de escribir e buscou material de utilidade para min. El leu os meus escritos con paciencia e foi o meu máis feroz crítico, pero tamén deixándome entrever un entusiasmo eloxiador que me deu ás. Prodigaba consellos e recomendacións polos que me guío ata o día de hoxe.

Mon, amigo, este artigo publicado expresamente o 24 de outubro, o Día das Bibliotecas, vai dedicado a ti. Espero de corazón que, alá onde esteas, me permitas a licenza de engadir un luceiro máis á túa lista de luceiros de Cee: es ti, querido Mon.

Grazas, mil grazas, por todo.