Dá peniña, pero é o que hai, veciños e veciñas de Cee!

Margot Lamela e Luisa Rodríguez ALCALDESA DE CEE E CONCELLEIRA DE CULTURA

CEE

ANA GARCÍA

17 ene 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

É o que hai. Que pena dá ler e escoitar as declaracións do señor Jesús Picallo, voceiro do Partido Popular do Concello de Cee.

O señor Picallo comeza a súa andadura política dicindo que Cee ía «facer un negocio con el», para logo, no acto de investidura, xa como concelleiro e en calidade de presidente da mesa, se negase a entregar o bastón de mando á alcaldesa, cometendo así a súa primeira falta de respecto institucional ao pobo de Cee, feito que xamais sucedeu dende a democracia.

Tal vez, sexa unha frustración oculta a que fala por el cando non sente nin quere ao pobo que representa, nin pode facer un negocio a conta de Cee, feito que o leva a poñer trabas políticas en prexuízo da nosa vila, algo que xa se explicará no momento oportuno.

O señor Picallo é o reflexo desa mediocridade política que non ten a capacidade de ver o interese común por enriba do seu único interese persoal. Cee non é un negocio.

Programación de Nadal

Con relación ás súas declaracións sobre o Nadal, non saímos do noso asombro ao cualificar de «nula» a programación desas datas: máis de dezasete actuacións de diversa índole e para tódolos públicos, sen esquecer a Ludoteca do Nadal, un espazo aberto durante quince días en horario de mañá e tarde con inchables e xogos tradicional, ademais das tres festas organizadas por dúas asociacións coa colaboración do Concello.

Teatro, monicreques, concertos, tributos, maxia, baile, festas de pre fin de ano, festa infantil de fin de ano.... Ou a chagada de Papá Noel e a impresionante cabalgata de Reis Magos, que foi un referente a nivel comarcal.

Con relación ao alumeado, temos que destacar a súa elegancia. O seu custo ascendeu a 42.253,20 euros, fronte aos 95.953 do municipio ao que o señor Picallo fai referencia. Sen entrar en valoracións, corresponde a cada veciño e veciña de Cee sacar as súas propias conclusións.

O portavoz do Partido Popular sempre fai referencia a outros Concellos da volta, sendo incapaz de valorar o que se fai en Cee, quizais por esa frustración oculta de non poder facer negocio con este pobo, no que el non naceu, o que fai que case sempre fale del en negativo. Cada Concello inviste e prioriza segundo as súas necesidades ou carencias. Cee é un pobo onde a xente ten que vir si ou si, dado que ofrecemos servizos a toda unha comarca.

Para as vindeiras eleccións que se celebren, aconsellamos ao señor Picallo que se presente candidato nun pobo ao que realmente sinta e admire, no que poida sentirse en verdade realizado como político, sen que a súa visión sobre ese pobo se limite a un mero negocio.