O retablo de Luis Parcero ben merece unha boa conservación

Víctor Manuel Castiñeira

CEE

Este elemento de gran valor da igrexa de Brens está afectado pola couza e pode desaparecer se non se actúa a tempo

25 may 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Hai pouco tempo saía na prensa unha nova referida á restauración da imaxe de san Xosé da igrexa parroquial de Santa Eulalia de Brens. A talla, ó igual que o retablo do altar maior, estaba afectada pola couza, e despois dos coidados axeitados, volta a ocupar un lugar preferente no templo. Por desgraza, o retablo, como comentaba, tamén está afectado e corre grave perigo de desaparición se non se actúa a tempo.

Sería unha mágoa que se perdese, xa que se trata dunha obra de indubidable valor artístico e dun ben patrimonial do que tanto a parroquia como os seus fregueses deben sentirse orgullosos.

Grazas a un documento custodiado no Arquivo Histórico Universitario, e que me chegou pola xentileza dun bo amigo, Santiago Llovo, descubrimos que a autoría do retablo débese ó escultor compostelán Luis Parcero, un dos grandes escultores do segundo terzo do século XVIII, e que traballou ademais de en numerosas parroquias do arcebispado na propia catedral compostelá ou no Pazo de Oca.

Precisamente, na catedral fará un dos seus primeiros traballos xuntamente con Pascual de Quiroga. En 1733 reciben pola execución do retablo da capela de san Xoán apóstolo 5.900 reais. Esta espectacular capela acababa de ser reformada seguindo as trazas de Simón Rodríguez. A súa coidada cantería, o emprego da cuncha de vieira e das placas xeométricas xunto coa concepción estrutural do retablo e a grada de pedra sobre a que se asenta son elementos distintivos do gran arquitecto compostelán. Para a ornamentación deste retablo, Luis Parcero empregará motivos tanto de Simón Rodríguez como do outro gran arquitecto deste momento, Fernando de Casas, ámbolos dous formados no taller do ceense Domingo Antonio de Andrade, e para os que Parcero traballou en varias ocasións.

Así, con Simón Rodríguez traballará no retablo para a Virxe de Covadonga da parroquia de San Andrés, feito por 1.500 reais en xullo de 1733, ou dous anos despois no retablo colateral de san Francisco de Borja, na igrexa da Compañía. O retablo foi colocado á dominica de Resurrección de 1736, polo que P. M. Juan de Salinas lle pagou 2.750 reais.

Bonaval

Nese mesmo ano de 1735 fixera un retablo camarín para a Virxe do Rosario, segundo a planta da Confraría do Rosario de Santo Domingo de Bonaval, polo que cobrou 600 reais e 100 máis por gastos extraordinarios. Para Santo Domingo fixo tamén outro retablo, trazado por Manuel de Leis en 1737, axustado en 3.300 reais.

Fóra de Santiago, podemos destacar entre outros, os traballos feitos en Búa, parroquia de San Breixo de Barro, onde Lorenzo García, patrono da súa capela, faille o encargo de tres retablos, por algo máis de 5,600 reais.  Fixo en 1744 o retablo para o altar maior da parroquia de Riobó, na Estrada, por unha cantidade de 1.800 reais, e en 1749, o de san Xoán de Ortoño, de gran factura artística, que foi axustado en 4.600 reais.

Para a capela de San Antonio de Oca, pertencente o pazo do mesmo nome, fixo os seus tres retablos, que foron contratados por Fernando Cancela Varela e Mariño apoderado de Fernando Gayoso en 1750. O importe ascendeu a 8.731 reais (6.708 polo maior e 2.023 polos laterais) sendo a maior parte das imaxes realizadas por José Gambino, que o 11 de xullo de 1750 se obrigou a facer 35 figuras entre as de vulto redondo e os relevos, en 2.675 reais. Despois de entregadas en maio de 1751, serían revisadas por Manuel de los Mártires, mestre de obras de Santo Domingo en Santiago e por outra persoa nomeada polo conde.

Está feito en madeira de castaño por encargo de Sancho Vermúdez

Para a parroquia de Santo Tomé de Ancorados, tamén no Concello de A Estrada, fai o seu retablo tamén neses anos. É unha peza de gran calidade estética, e destacado valor patrimonial, chea de motivos decorativos vexetais realizados en dourado tradicional que seguen a máxima barroca de non deixar espazos baleiros sen decoración. Curiosamente, este retablo tamén se atopaba en moi mal estado de conservación polo mesmo problema que o de Brens, pero grazas a un convenio firmado coa Consellería de Cultura está agora en fase de restauración.

Unha das obras de plenitude de Luis Parcero vai ser precisamente o retablo para a parroquial de Brens. Uns anos antes tiña feito algún traballo en Cee no marco das importantes reformas que se realizaron na igrexa da Xunqueira para convertela na práctica nun santuario,

Corría o ano 1762, concretamente o día 19 do mes de abril, cando o reitor de Brens, Sancho Vermúdez, contrata co escultor compostelán un retablo no nome do seu fillo, Sancho Vermúdez Figueroa, patrono de dita igrexa. Isto ten a súa explicación en que o propio párroco xa fora patrono da mesma durante a súa vida como laico, ordenándose sacerdote unha vez viúvo da súa dona, Andrea Vermúdez de Tovar.

Seguramente a esta familia se debe a devoción a san Sancho nesta parroquia de Brens, toda vez que esta advocación medieval tivo unha escasa repercusión na nosa comarca. A festividade de san Sancho celebrouse ata as décadas finais do século pasado e incluso chegou a existir unha asociación veciñal e cultural que levaba o seu nome.

Tres prazos

O retablo en cuestión, valorouse en 4.500 reais a pagar en tres prazos, o primeiro no momento da sinatura deste contrato, o segundo cando a obra estivese realizada a un 50% e o terceiro no momento da súa entrega final. Feito en madeira de castaño, para encaixarse no coro que se acaba de reformar de novo neses anos, debía de incluír a custodia, en dous corpos, para albergar o Santísimo Sacramento. Contaría coas seguintes imaxes de santos: san Sancho mártir e san Francisco nos laterais do primeiro corpo mentres que enriba da custodia, iría a imaxe da patroa santa Eulalia. Pola súa parte, no corpo superior irían a Virxe do Rosario, no medio, e as imaxes de san Xosé e san Antonio, ós lados.

Foi acabado de pagar no 1764 despois dunha reclamación

Tamén se fai referencia no contrato ás catro columnas redondas que irán no primeiro corpo coa súa decoración de froitas e cintas, mentres que os nichos que deben albergar as imaxes irán feitos sen desentoar co conxunto da obra que irá realizada «segun la mejor moda de las que aora se usan». No corpo superior fai referencia a dous estípites e a cercha do cornisamento de peche coa bóveda.

Insístese en que toda la obra ha de ir «bien echa y labrada de la mejor moda y primor que pida el arte a satisfazion del maestro en la profesión y la madera sana…»

O retablo foi feito de acordo coas indicacións do contrato como aínda podemos comprobar na actualidade. Durante a súa realización ou no momento final da mesma, o escultor reclamaría 1.000 reais máis que serían abonados finalmente no ano 1764, despois da taxación feita polo escultor de Muros Pedro Castilla.

Pensamos que a calidade artística do retablo ben merece un esforzo por intentar conservalo e que non se perda o que, sen dúbida, é patrimonio de todos os fregueses de Brens en particular, e da veciñanza de Cee, en xeral.