Aurelio Cardalda foi o primeiro profesor de Educación Física da Costa da Morte

Dario Areas

CEE

Crónicas do pasado | Era médico e tamén foi alcalde de Cee e presidente do casino da localidade

19 may 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

A importancia da educación física no ensino radica en que, dende a infancia, permite que os estudantes desenvolvan destrezas motoras, cognitivas e afectivas esenciais para a súa vida diaria e escolar. Así mesmo, a aplicación de actividades físicas trae beneficios ao desenvolvemento integral do estudante. É evidente que o exercicio físico axuda non só na saúde física senón tamén na emocional e mental, pero non sempre se tivo tan claro.

A finais do século XIX as prácticas físicas da poboación reducíanse a certos ximnasios aristocráticos e os deportes restrinxíanse aos sectores mais privilexiados da sociedade. Así, e no medio deste panorama, a ximnástica apareceu no currículo educativo cun obxectivo claro: levar a práctica da educación física e o deporte a tódolos estratos da poboación.

Segismundo Moret y Prendergast, ministro de Fomento, no seu propósito de reformar a antiga, rutineira e xa inservible segunda ensinanza, e vendo que os seus proxectos non podían levarse á práctica no curso académico de 1892-1893, por atoparse sometidos a longa discusión no Consello de Instrución Pública, tivo que conformarse con crear as Cátedras de Ximnástica Hixiénica por Real Orde de 1 de setembro de 1893, dando a esta materia carácter obrigatorio para o alumnado de primeiro ano de bacharelato.

Esta disposición foi a que fixo que dita cátedra se instaurase no Instituto Fernando Blanco de Cee xa no Curso de 1893-1894.

O 16 de setembro de 1893 foi nomeado profesor da mesma Aurelio Cardalda Martínez, «persona que goza de generales simpatías debido á sus amplios conocimientos y a la lealtad de su carácter», rezaban as súas referencias. A súa toma de posesión tivo que retrasarse ao 1 de febreiro de 1984, data na que se remataron as obras de instalación do ximnasio do instituto.

Cardalda Martínez nacera en Santiago o 2 de decembro de 1859. Licenciado en Medicina e Cirurxía, primeiro foi médico no Concello de Dumbría e logo médico titular do Concello de Cee, impartindo a materia de Ximnástica Hixiénica no instituto da Fundación Fernando Blanco dende 1894, a de Historia Natural dende 1907 e a de Física dende 1912 e, desempeñando ademais, dende 1907 ata o seu pasamento, no ano 1925, o cargo de vicedirector do centro educativo ceense. Foi tamén presidente do Casino e alcalde de Cee.

Con motivo da creación da Cátedra de Ximnástica Hixiénica, habilitouse un ximnasio, de 12,25 metros de longo e 5,75 metros de ancho, en parte das instalacións que ocupaban os talleres de carpintería.

Os testamenteiros de Fernando Blanco encargaron o material necesario para dotalo na afamada casa parisina Mrs. Freté et Cie., Sucesores de Mr. Lebon. Os aparellos remitidos dende a capital francesa, tal como se recolle na memoria dese curso, consistían «en un magnífico pórtico de dos plataformas, a cuyos extremos se adaptan la escalera inclinada ordinaria y la ortopédica, y del cual penden mástiles verticales, perchas oscilantes, anillas, trapecio, cuerdas lisas, con nudos y con travesaños de madera, escalas de cuerdas y de Bois-Rozé, etc; una preciosa barra fija, escalera horizontal, trampolines, potros y juegos completos de pesas, de mazas y de barras terminadas por esferas».

Arrancou o curso inaugural con 16 alumnos matriculados, impartíndose a materia os luns, mércores e venres, de 8 a 10 horas. Nela «se tiende a mantener la energía, la actividad y la salud en el organismo humano, y a la vez que los alumnos ejecuten los ejercicios convenientes, se les explicará cuales son los órganos y aparatos que constituyen la anatomía, las principales funciones del organismo y las prácticas higiénicas que son indispensables para la conservación de la salud».

Aurelio Cardalda faleceu o 2 de xaneiro de 1925. Trinta e dous anos estivo como profesor de ximnasia no Instituto Fernando Blanco, deixando, como se desprende da memoria do curso 1924-1925, unha profunda pegada, tanto no persoal como no profesional, entre os que o coñeceron e trataron: «La profesión médica, que ejerció con verdadera vocación y acierto, le granjeó la estimación general en toda esta comarca, y a sus servicios profesionales agregó todo el afecto de su noble corazón y de sus caritativos sentimientos».