«Un coidador dunha persoa con alzhéimer éo sempre a tempo completo»

V. Couto / M. López

CEE

JORGE PARRI

A entidade Afafes, de familiares de enfermos de alzhéimer, abre hoxe un centro de estimulación terapéutica en Cee. Disto falou o seu coordinador, César Bugallo, en Radio Voz

14 feb 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Paso importante o que darán hoxe na Asociación de Familiares de Enfermos de Alzheimer de Soneira e Fisterra (Afafes) que inaugura un centro propio, dende o que comezará a prestar servizo mañá mesmo. Disto falou onte en Radio Voz Bergantiños o coordinador da entidade, o psicólogo César Bugallo.

-Foron varios meses de duro traballo, que aínda continúan.

-Así é. Ao ser unha asociación de familiares, temos que ir buscándonos os nosos propios recursos. Temos que agradecer ao Concello de Cee por ceder e acondicionar o local para o uso, e tamén a Obra Social La Caixa pola súa aportación para o equipamento, así como a pequenas empresas e particulares que nos foron axudando. Foi un proceso lento, porque hai que ir contactando coa xente e explicándolle a natureza da nosa asociación.

-O de hoxe será un paso importante para Afafes.

-Asi é. O que queremos agora é abrir unha preinscrición para todas aquelas persoas que desexen acudir ao noso centro. Non se trata dun centro de día, senón dun lugar de estimulación terapéutica no que se pretende estimular a autonomía e prever a dependencia dos enfermos, ademais de dar un respiro aos coidadores, que xa sabemos que é unha dedicación 24 horas, a tempo completo.

Comezaremos a atender aos enfermos os xoves e os venres, polas mañás, de 10.30 a 12.00 horas. No propio centro, que está situado na rúa Magdalena, en Cee, no número 38; ou tamén a través do teléfono.

O que faremos será unha serie de entrevistas para valorar os perfís dos posibles usuarios e planificar as terapias, tanto por grupos como individuais. Tamén temos pensado ofrecer apoio psicolóxico e asesoramento ás familias.

-¿Recibiron moitas consultas nestes meses previos?

-O certo é que si, sobre todo telefónicas, preguntando polo servizo que vamos ofrecer ou ben por sospeitas que teñen que algún familiar poida padecer algunha demencia. Neste sentido, imos ofrecer unha valoración gratuíta para aquelas persoas que teñan sospeitas de que poden sufrir algún deterioro cognitivo. En caso de que así fose, o que recomendamos é realizar un exame neurolóxico, e que sexa ese profesional o que ditamine se ese déficit cognitivo se debe a algún tipo de demencia.

-O apoio psicolóxico é moi importante neses casos.

-Para os enfermos, sobre todo nas primeiras fases. En canto teñen o diagnóstico xa se están situando no que lles vai a suceder no futuro, e iso provócalles unha dor tremenda inicialmente. Os familiares tamén o pasan tremendamente mal.

-Mañá abrirán ao público.

-Si, aínda que, como tardará un mes e algo en estar completamente equipado, o que faremos neste local, por agora, será informar e ofrecer asesoramento ás persoas. Cando teñamos un grupo mínimo de usuarios, comezaremos xa a ofrecer os servizos de estimulación.