«Zapata non gustaba moito do termo Costa da Morte, prefería Costa Brava»

O profesor de Cee Miro Villar presenta ás oito na Praza dos Libros a súa última obra sobre o léxico do mar do poeta laxense

.

cee / la voz

Miro Villar González (Cee, 1965) presenta ás 20.00 horas na Praza dos Libros de Carballo Dorna saudal. Poemas do mar e léxico mariñeiro de Antón Zapata García unha obra que xa no título deixa clara as súas intencións: mergullarse na linguaxe empregada por Zapata, particularmente na relacionada co oficio tradicional do mar, para rescatala mediante o comentario literario.

-¿Quen era en poucas palabras o laxense Antón Zapata?

-É un poeta de Laxe que emigrou moi novo a América, a Bos Aires, con 17 anos, e alí pasou toda a súa vida, sen nunca poder regresar. Na súa obra está todo o imaxinario da Costa da Morte e en concreto da zona de Laxe-Camariñas e a ría de Ponteceso. Só publicou un libro en vida, A roseira da soidade, no ano 54, que non chegou a ver publicado porque finou uns meses antes. Na emigración era un poeta moi considerado. Está documentada a súa presenza en toda a actividade societaria da emigración galega na Arxentina e mesmo participou en entidades moi importantes como a Irmandade Galega. Era un intento de reconstruír no exilio o Partido Galeguista, Castelao quíxose rodear da mellor xente a un dos que chamou para o consello orientador era a Antón Zapata.

-¿Cal é a riqueza do seu léxico mariñeiro?

-Este libro pretende demostrar que hai un bo feixe de poemas -algúns deles xa os agrupou el e mesmo lle puxo o nome de Dorna saudal (dorna, pola embarcación e saudal, de saudade) e outros mesmos tiveron que pasar pola tesoira da censura, porque non hai que esquecer que se publicou en pleno franquismo- cun léxico mariñeiro espléndido, como explicou na presentación de Santiago Francisco Fernández Rey, gran experto en terminoloxía mariñeira. Pódese considerar que é un dos nosos grandes poetas do mar. Fálase de Manuel Antonio, pero o mar de Manuel Antonio é moito máis simbólico, moito máis ligado á mariña mercante, mentres que nos poemas de Zapata están todos, absolutamente todos, os que eran os oficios do mar; e os nomes das embarcacións, polo tanto teñen moito valor non só lingüístico senón tamén etnográfico. O que é sorprendente é que unha persoa que emigre con 17 anos atesoure todo ese léxico, en boa parte porque o coñecía de primeira man e tamén porque, aínda que nunca regresou, nunca deixou de estar conectado coa terra, sobre todo a través do epistolario con xente de Laxe como puido ser o fotógrafo Vidal.

-¿Ata que punto a desconexión social cos sectores primarios dana ou empobrece o idioma?

-No léxico que emprega Zapata como ferramenta nos seus poemas está unha lingua viva. Tamén hai que dicir que o Laxe das primeiras décadas do século e todas as nosas vilas estaban moi vinculadas ao mundo da pesca. Hoxe a actividade pesqueira minguou moito e tamén é un proceso moito máis industrial e iso leva, efectivamente a que haxa léxico que nos sorprende e mesmo que non coñecemos. Eu nalgunhas palabras tiven que documentarme porque era léxico que eu xa non coñecía de primeira man. Hoxe todo ese caudal léxico estase perdendo, é evidente; pero ese tamén é un labor da literatura: recuperar e fixar termos para que non se perdan.

-¿Que o leva a centrar a súa labor investigadora nos autores da Costa da Morte, esa estima do propio a sensación de que se non o fai non o ía facer ninguén?

-Non é que non ía facer ninguén, porque considero que hai filólogos na Costa da Morte (Xosé Manuel Varela, Xosé María Rey Lema...) que fixeron tamén traballos espléndidos. Máis que iso tanto para eles como para min creo que está o sentirnos identificados con un territorio que ten un capital simbólico moi grande, que é iso que denominamos Costa da Morte; que, por certo, Zapata dedícalle un soneto marabilloso e nomea varias veces a Costa da Morte pero igual que López Abente e outros autores desa época non gustaban moito dese termo. Eles preferían a denominación Costa Brava, aínda que triunfase noutro territorio e aquí non tivo fortuna, porque vían Costa da Morte como algo importado dende o xornalismo sensacionalista. Así como Abente non chegou a asumilo nunca, nunca lle gustou, Zapata si que en certa maneira co paso dos anos vai utilizar o capital simbólico que aporta ese topónimo. Tamén ten, por certo, poemas sobre os naufraxios, entre eles un longuísimo que eu considero o mellor que hai sobre o Serpent -no que trabuca algúns datos como o número de vítimas, porque a información que chegaba á Arxentina supoño que non era ha que había aquí, e outro sobre o City of Agra. Así que poetizou sobre os dous grandes naufraxios do Vilán.

Votación
2 votos
Comentarios

«Zapata non gustaba moito do termo Costa da Morte, prefería Costa Brava»