María cumpriría agora 107 anos, pero hai 12 que só os celebra no nosa memoria, que durará sempre.
Posiblemente as últimas viaxes longas que fixo en coche, dende Zas, foron a Muxía. Algúns domingos pola tarde, xa a finais dos 90, se cadra incluso o 2000, antes de que os tornillos da cadeira colocados en Cee e, sobre todo, a demencia senil, a fosen apagando.
Algúns domingos pola tarde, o bisneto levábaa ata o santuario da Barca. Era a onde quería ir. Aínda se aparcaba diante da porta. Baixaba, andaba co bastón, subía ao pé da porta a agarrábase ao ferro do oco que deixaba ver o interior do templo, e permitía deixar esmolas. Ás veces, vinte pesos. E uns rezos.
Así, ben veces.
De volta miraba para os lados, feliz de poder chegar en media hora a un lugar ao que de nova fora tantas veces a pé, subindo e baixando esqueiros e valados, con persoas que, tamén, xa só vivían na súa memoria, e que acompañaron o seu camiño vital case todo o século XX. Ás veces sinalaba este ou aquel lugar, por Berdoias, por Quintáns, pechaba os ollos e recuperaba uns tempos que xa nunca volverían.
Si, pode que aquelas fosen as súas últimas viaxes longas, aparte das do hospital. Quería ir a Muxía para ver a Virxe da Barca. E ía.
Tamén os retablos, pero a devoción de xente como ela é a que fai aínda máis grande a Barca.