«O trinta por cento dos libros que vendo están en galego»

E.E.

CEE

Manuel Alvariñas é o propietario da Librería Trazos, un negocio que ten establecementos en Cee -onde hai dúas- e en Baio. -¿Nótase en algo a celebración do Día das Letras Galegas nunha librería? -Non se nota nada. O normal sería que a xente viñera a comprar o propio día, pero é festivo e, lóxicamente, non se vende nada. -¿Non hai clientes que o celebren dalgún xeito? -Hai habituais, xente co compromiso moral de mercar para ese día, pero por desgracia son poucos. -A nivel xeral, ¿como van as vendas de libros en Cee? -Pois bastante frouxas. Nótase a situación xeral e nós percibímolo primeiro, porque do que primeiro se prescinde é dos libros. -¿Que porcentaxe de libros en galego despacha nas súas librerías? -Creo que aproximadamente un 30% dos que vendo están en galego. E dos de Internet, a metade. -Semella unha porcentaxe elevada. -Si. Inflúen moito os libros de lectura escolar obrigatorios, pero ao fin e ao cabo son libros. Por Internet, hai moita xente de aquí que está traballando ou estudando fóra e fai pedidos. -¿Que é o que máis se vende? -Agora o último de Ruiz Zafón. -¿Hai épocas de máis vendas? -Estes meses son frouxos. Os mellores son xullo e agosto, coas vacacións, e o Nadal, cos agasallos.