TRIBUNA ABIERTA | O |
27 nov 2004 . Actualizado a las 06:00 h.O CENTRO Comercial Finis Terrae, situado no Recheo de Cee, celebra o seu primeiro aniversario. Semella que foi onte cando o conselleiro Jaime Pita, ao nostálxico berro de «¡Viva España!», cortaba a cinta inaugural nas escadas mecánicas, as primeiras que se viran por estes lares, todo un símbolo da prosperidade desa suposta cidade que o noso alcalde está empeñado en construir. Eu, coitadiño de min, supuxen que a presenza do Concello coma copropietario no centro comercial redundaría nalgún tipo de beneficio público para a cidadanía de Cee, que habería que engadir ao lexítimo interese dos empresarios que decidiron establecer os seus negocios na nova área comercial. Un ano despois debo confesar a miña inxenuidade, e quero denunciar o incumprimento do convenio que no seu día redactaron e asinaron a empresa promotora da obra e o Concello. Convenio A construcción da superficie comercial en pleno centro do pobo foi posible grazas a unha permuta entre o Concello e a empresa promotora Productos de Valle Verde, na que a entidade municipal cedía uns terreos que ata entón eran patrimonio de todos os ceenses a cambio dun tanto por cento da superficie construida polo promotor (o garaxe e varios locais comerciais da pranta superior). O convenio recolle as obrigas contraídas polas partes dende o momento da súa firma. En diversos apartados faise referencia á cesión de dous locais para zonas comúns do centro e, concretamente, noméase a dotación dun «espazo de xogos para nenos nun local con fachada á praza, onde poderían sentar, xogar, debuxar, ver a televisión e películas infantís (estilo gardería)... O acceso a este espazo, que formará parte das zonas comúns, será gratuíto, como un servizo máis do centro». As características do outro espazo de uso común non se especifican no texto. Pois ben, a día de hoxe non existe zona algunha de uso común no centro comercial. Levo coñecido unhas cantas superficies comerciais e en todas elas hai algún lugar de disfrute público, xa sexa unha sá de exposicións, un parque infantil, unha praza, ou calquer outro. Unha nai que vaia co seu neno no carriño a pasear polo recinto, mentres fóra chove a chuzos, non dispón sequera dun banquiño para poder darlle a merenda ao seu fillo, a non ser, claro está, que consuma algo nun establecemento privado. É só un exemplo que deixa ben ás claras a inexistencia total do concepto de público no Centro Comercial. Unha vez rematada a construcción da superficie comercial, a explotación dos locais de titularidade municipal foi cedida mediante concurso a unha empresa privada. Sen embargo, o adxudicatario alugou todos os locais dispoñibeis (non sei durante canto tempo), polo que penso que terá que ser outro goberno municipal o que faga que as normas relativas ao funcionamento do Centro Comercial Finis Terrae se cumpran, para beneficio de todos. Ata entón, teremos que conformarnos cos irrisorios 43.917,43 euros anuais que ingresa o Concello pola cesión dos seus locais