Unha reflexión sobre nós

La Voz

CEE

CONCHA BLANCO, escritora e profesora no IES de Cee

02 ene 2002 . Actualizado a las 06:00 h.

Desde o meu último encontro con Follas novas, libro de Rosalía de Castro, pasou un tempo. Nesa ocasión, a medida que ía deixando atrás os seus versos decatábame de que a súa lectura volvía ser, unha vez máis, diferente ás anteriores. Cada texto é un mundo creado desde logo por un autor/a pero tamén por unha época, por unha cultura. A soedade da muller O mundo de Follas novas é o da problemática social do momento: a miseria e a fame -Tembra un neno no pórtico húmido;...- que conduce a outra lacra, a emigración -¡Adios! Sombras queridas;...- e como consecuencia dela acentúanse as cargas e responsabilidades da muller galega en soidade -tecín soia a miña tea...-. Tamén en Follas novas hai poemas intimistas onde está presente o amor, a fermosura paisaxística, a saudade. Nela non só expresa Rosalía o sentimento que levaba dentro senón que dada a súa empatía ponse na pel dos nenos orfos, dos amores truncados, dos labregos, dos emigrantes. Coa súa linguaxe sinxela e profunda a un tempo, Follas novas, Rosalía de Castro, símbolo da nosa cultura, lévanos a reflexionar sobre o que nos rodea e sobre nós mesmos. Tendo en conta que parte da súa obra escribiuna fóra de Galicia, a dor e a saudade que nela amosa son auténticas. A métrica con versos mesturados de diferente número de sílabas márcanlle un ritmo vivo que xunto cos recursos literarios que utiliza conseguen unha poesía tan plástica que engancha ó lector/a establecendo entre os dous, poesía-lector, unha ponte invisible que facilita a súa comunicación. A publicación, que data de 1880, continúa a ser hoxe unha obra de matices actuais que paga a pena ler.