Alingua aposta pola profesionalización e o relanzamento de Apego

m. r. CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO MUNICIPIO

Ramón Varela, terceiro pola esquerda, preside a asociación
Ramón Varela, terceiro pola esquerda, preside a asociación .

Celebrou a súa asemblea en Carballo, onde aprobou o seu plan de acción 2026

20 feb 2026 . Actualizado a las 05:00 h.

A asociación de entidades locais pola lingua galega, Alingua, celebrou onte a súa asemblea ordinaria en Carballo, onde se definiron as liñas estratéxicas que marcarán o rumbo da entidade durante o presente exercicio. O edil local Ramón Varela preside o colectivo. Entre os acordos máis destacados atópanse a posta en marcha dunha estrutura técnica de xerencia e un ambicioso plan de renovación para o programa de socialización lingüística na infancia, Apego.

O encontro serviu para dar luz verde ao informe de xestión e ás contas do exercicio 2025, ademais de ratificar as cotas de socios para o presente ano. Porén, o paso máis significativo cara ao reforzo estrutural da entidade é a implantación dunha xerencia externa, deseñada para dotar a Alingua dunha arquitectura técnica estable que garanta unha coordinación eficiente dos programas e actuacións que corresponden aos fins da entidade. Esta nova figura asumirá a xestión administrativa, económica e legal, reforzando ao mesmo tempo a imaxe de marca da asociación e das súas entidades asociadas.

O programa Apego, que cumpre dez anos, centrará boa parte do esforzo operativo en 2026. Alingua asumiu recentemente a xestión directa deste programa e, de cara a esta anualidade, ten previsto, ademais de crear unha nova páxina web, realizar unha renovación e reimpresión dos materiais de benvida ás familias. Así mesmo, levarase a cabo unha campaña de relanzamento do programa para dar visibilidade a este décimo aniversario e fortalecer o seu impacto social.

Alingua tamén fortalecerá a súa colaboración con outras institucións. No primeiro semestre de 2026, organizarase un encontro entre empresas e familias en colaboración co Consello da Cultura Galega, co obxectivo de conectar a demanda social coa oferta de produtos culturais e educativos en galego. De outra parte, a asociación continuará co proxecto Modo galego, actívao! en colaboración coa Real Academia Galega, facilitando que os concellos interesados realicen os seus mapas sociolingüísticos escolares. No ámbito dixital, incorporarase o proxecto Cancións para medrar, que ofrece recursos musicais con pictogramas para fomentar a diversidade e a inclusión.

Vinte e un concellos representados

A asemblea tamén abordou a modificación de estatutos e o informe de altas e baixas, coa incorporación do Concello de Arzúa, «reafirmando o compromiso de consolidar unha rede de entidades locais cohesionada e equilibrada territorialmente», traslada nun comunicado, no que engade: «Con este Plan de Acción, Alingua non só busca manter o traballo realizado en proxectos consolidados como o Club de Debate, Enreguéifate ou Youtubeiras+, senón tamén sentar as bases organizativas para o período estratéxico 2027-2030».

Alingua naceu no 2019 para impulsar políticas de normalización lingüística desde a administración local. Está integrada por 21 concellos e aberta a outras entidades.