En primeira persoa | María José Lema Gesto, de Noicela. Doutora en Bioloxía, edafóloga e directora da sección de Edafoloxía na Estación Fitopatolóxica Areeiro
09 mar 2025 . Actualizado a las 05:00 h.Fixen as miñas primeiras prácticas de lectura en castelán e diante dun xornal da Voz ante a atenta mirada e oído de meus avós. Este diario entrou na casa antes ca a luz eléctrica e a televisión. O certo é que o único exemplar diario compartíase na familia e cos veciños, maiores e pequenos, e mesmo se repasaban os números atrasados nos escasos ratos de lecer que a vida no campo permitía ós adultos; de sorte que ao seu redor florecía un particular club de lectura no que se saía do illamento xeográfico da aldea e se compartía o pracer da lectura reflexiva. Pouco nos paramos a recoñecer o labor igualitario, e de apertura de horizontes, que a distribución dos xornais podía achegarnos ao entorno rural.
Parece evidente que a aprendizaxe dunha nena no mundo rural afronta uns obstáculos dificilmente salvables: o primeiro, a lingua. Só o parece. Falabamos en galego, pero na escola aprendiamos en castelán, porque cando iamos ao pobo ou á cidade serían incapaces de comprendernos se non nos expresabamos na lingua culta. Nunca me sentín afectada por esta circunstancia, supoño que polo apoio do entorno, e o paso do tempo ben asentou as avantaxes do bilingüismo; persoalmente, creo que foi xerme da estima que algunhas temos por outras linguas, en esencia, por entendernos con culturas diferentes ás nosas.
Falando de impedimentos no rural, resulta impensable a ollos deste século que unha nena camiñe diariamente seis quilómetros para escolarizarse, e non só polos arrefriados que se pillaban no inverno cando aínda non existía sanidade pública. Para min, acudir á escola unitaria era unha sucesión de aventuras marabillosas. Amén de compartir o traxecto con outros nenos, iamos atopando homes, mulleres, e tamén anciáns, afanados en toda sorte de labores —non esquezamos que a xente vivía e traballaba no campo— cos que iamos cruzando saúdos, verbas ou sorrisos. Tampouco parece que esta circunstancia se tivera que vivir con demasiada preocupación.
Escola primaria
Se o ingreso na escola é para una nena a súa primeira gran presentación en sociedade, non se me ocorre maneira máis natural e estimulante de facelo coma na escola primaria da miña nenez.
Tampouco hoxe se vería apropiado reunir a corenta nenos repartidos en dez ou doce mesas nunha única aula, pero é o que a min me tocou en sorte. Iso, e a fortuna dunha mestra excepcional que se preocupaba pola nosa crianza e poñía ao noso alcance todos os recursos —posibles e imposibles— para que a nosa formación fose similar á dos nenos do pobo. Mentres uns aprendiamos a ler, podiamos ver a outros nenos escribindo verbas tan fascinantes coma abubilla (mellor soaría en galego) ou unha pel de toro debuxada en cores pola mestra; sen dúbida, ela estaría no podio de honor dos meus superheroes.
Nun mundo no que as tecnoloxías estaban ausentes, todo canto nos ofrecía o eido rural entraba por algún dos cinco sentidos, ou por varios á vez; tal vez por iso, están tan vívidos na memoria os miles de matices que nos obsequiaba o agro. Acompañando a meus pais nas tarefas do campo aprendía a distinguir prados de brañas e pasteiros de praderías. Explorando o terreo con outros rapaces descubría corredoiras profundas, camiños de carro que ocasionalmente se escoitaban, ou concas en rochas enormes esculpidas pola auga ou polos celtas, quen sabe.
Sisargas
Gozabamos das asombrosas postas de sol de agosto, admirando o perfil das Sisargas e os barcos de pesca que faenaban afastados dos baixos de Baldaio. Os estímulos contaríanse por miles, pero recordo con claridade como distinguía os olores da terra: diferentes cando se plantaba e cando se colleitaba a pataca.
Afortunadamente, tamén os libros de contos chegaban á aldea. A miña primeira incursión neste mundo foi cun vello exemplar de lendas africanas abandonado pola casa. Cada conto ía acompañado dunha única lámina pintada en grises e negros; eu non tiña capacidade aínda para comprender os textos, pero aqueles debuxos de elefantes, tigres, carruaxes, personaxes e vestimentas exóticas, sen dúbida sementaron a miña afección pola literatura. Non moito máis tarde entrarían os atlas de cores, o globo terráqueo e o estímulo dos meus para que lles amosara diferentes lugares, países e continentes.
Sempre me sentín intimamente leda de nacer onde me tocou, por illado que estivera, pero sempre souben da existencia de moitos outros e interesantes universos. E, a pesar do esforzo de meus pais por proporcionarme unha formación que me apartase de vivir do campo, o agro converteuse no meu modo de vida; finalmente, canto aprendín da terra por intuición tornouse na miña profesión. Mágoa que o evidente mellora da calidade de vida no medio rural sexa a costa da perda do propio agro.
Uns apuntes biográficos
Nacida en Noicela (Carballo) no 1962, María José Lema é doutora en Ciencias Biolóxicas pola Universidade de Santiago. Na súa tese avaliou os solos da comarca de Bergantiños para a pataca. Dirixe a sección de Edafoloxía da Estación Fitopatolóxica Areeiro para o Estudo e Análises de Solos, en Pontevedra. Leva a cabo varias liñas de traballo focalizadas en profundar no diagnóstico da nutrición dos cultivos. Actualmente enfoca os seus esforzos cara á aplicación nas condicións edáficas dos terreos galegos das normas establecidas pola Unión Europea para a nutrición sostible dos solos agrarios. Todos estes traballos téñense recollido en publicacións científicas e divulgativas. Tamén dan lugar a comunicacións participando en congresos ou impartindo cursos e conferencias.