Carballo espallará «cultura con forza» para todos

Patricia Blanco
Patricia Blanco CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO MUNICIPIO

ANA GARCIA

O Concello vén de presentar a súa programación para os vindeiros meses, dende febreiro ata maio

01 feb 2022 . Actualizado a las 22:59 h.

Cultura con forza é unha marca que o Concello de Carballo adoptou para a súa programación cultural o ano pasado, nun contexto sanitario particular, mais parece que veu para quedar. Presentouse este martes un novo ciclo de actividades, que irán dende febreiro ata maio, e que aglutina apartados consolidados: os Venres Culturais, o cine euroárabe de Amal en Ruta —comeza este xoves— ou Primavera en Danza, como as propostas máis destacadas.

Riqueza, pluralidade e fertilidade, enerxía ou pulo foron palabras empregadas polo edil de Cultura, Marcos Trigo, para falar desta «cultura con forza e para todos, fartura de cultura». «Cultura como economía e saúde», dixo. Máis de 25 iniciativas, para nenos e adultos, coa calidade e a cantidade como eixos básicos dunha programación na que tamén colabora Agadic, a través da Rede Galega de Teatros e Auditorios, a Deputación e a Fundación Araguaney Puente de Culturas, neste último caso para o ciclo audiovisual Amal en Ruta.

Representada a fundación en Carballo polo seu presidente de honra, Ghaleb Jaber Ibrahim, incidiu este en que será a quinta edición de Amal en Ruta en Carballo. «Amal xa é unha palabra que se pode dicir en galego». Nin cor, nin relixión, nin ideoloxía: o que máis une á xente é a humanidade, «a tolerancia, o respecto». O cine euroárabe, apuntou, é unha opción de «abrir unha ventá». As cinco proxeccións que se poderán ver na capital de Bergantiños son coproducións euroárabes: «Cineastas con sensibilidade europea para contar historias que pasan noutro lado, historias reais, muros reais, medos reais, opresións reais». Son tres ficcións e dous documentais, pero como dixo Ghaleb, a base en todos os casos é certa: «Os árabes poñen a historia, os europeos a maquinaria e a creatividade. Podemos traballar xuntos para facer unha Europa culta, para ter unha información máis real», abundou. O que se verá en Carballo son superproducións que pasaron polos festivais máis importantes de Europa, pero non chegaron ás ditaduras árabes. Alí, a distribución do cine é «porta a porta», a base de copias. Agradeceu Jaber Ibrahim ao Concello carballés por poder poñer un gran de area: «As Administracións teñen a vontade, nós queremos poñer un proxecto de esperanza».

O máis importante do panorama cultural galego pasará pola capital de Bergantiños, xa sexa nos Venres Culturais ou na Primavera en Danza, dentro da cal estara, entre outros, Fran Sieira, coreógrafo das agora tan populares Tanxugueiras. «É fundamental a cultura, nalgúns países perseguida e combatida», afirmou Xurxo Couto, deputado provincial, na presentación dunha «cultura con forza» nun «Carballo con forza» que, dixo, «é referente en actividade cultural». Da man da Deputación chegarán, neste caso, a obra Rastros, coprodución de Condetrespés co CDG, polos 20 anos da morte de Roberto Vidal Bolaño; unha mostra sobre os 100 anos da bandeira galega e o concerto de Caldo, premiado no Narf.

ANA GARCIA

Agradeceu Couto o esforzo carballés, como tamén fixo Jacobo Sutil, director da Agadic, por vía telemática: «Sentímonos parte, por colaborar». A través da Rede Galega de Teatros chegarán á vila 11 espectáculos, 7 de teatro e catro de danza. A nivel galego, neste primeiro semestre, serán 329 as funcións, cunha inversión autonómica de 574.000 euros que subirán ata 1,1 millóns se se teñen en conta as inversións dos entes locais. Sutil afondou no compromiso das Administracións para seguir programando nestes anos de pandemia, polo público e polos profesionais.

Falou, no caso de Cultura con forza, de citas que se saen das canles habituais e concordou na «visión poliédrica» que logo mencionaría o alcalde de Carballo, Evencio Ferrero. Este incidiu na expresión bergantiñá con «forza», agradeceu de volta a colaboración institucional, animou á xente a participar e felicitou tamén á area de Cultura. Porque non só se trata de ser pioneiros, senón «constantes».

Amal en Ruta é de acceso gratuíto. Para as restantes funcións haberá entradas e bonos en ataquilla.com. A meirande parte dos espectáculos serán no Pazo, salvo que se especifique o contrario, como ocorre nalgunhas das proxeccións de cine (biblioteca Rego da Balsa e Pazo). 

A programación e os espectáculos, algo máis en detalle:

Amal en ruta

Cine euroárabe. Cinco proxeccións. Gods of Molenbeek (xoves, 20.30 horas, biblioteca Rego da Balsa); 200 meters (venres, 20.30, Pazo da Cultura), The reports on Sarah and Saleem (10 de febreiro, 20.30, Rego da Balsa); The return: life after Isis (17 de febreiro, 20.30, Rego da Balsa) e Gaza mon amour (18 de febreiro, 20.30, Pazo).

VENRES CULTURAIS

Teatro, música e máis. No Pazo, ás 21.00 horas (salvo as funcións familiares, que serán ás 18.00, con Teatro Paraíso, o 13 de febreiro, e Pedras de Cartón, o 20 de marzo). Resto de espectáculos: A lúa vai encuberta, de Incendiaria e a quinta do cuadrante (11 de febreiro), Único, de Teatro Paraíso (13 de febreiro), Os nenos da varíola, de Pérez&Fernández, en coprodución co CDG (4 de marzo); concerto de Caldo (11 de marzo); Celestina, la tragicomedia, de Atalaya Teatro (17 de marzo); Un home con lentes de pasta, de Redrum Teatro (25 de marzo) e Rastros, de Condetrespés co CDG (27).

PRIMAVERA EN DANZA

Edición número 20. Compañías Colectivo Glovo (22 de abril), Fran Sieira (23 de abril), Janet Novás e Mercedes Peón (30 de abril), Otra Danza (Alicante, 6 de maio) e Da.te Danza (Granada, 8 de maio). No Pazo da Cultura.

E ademais...

Tres exposicións. Tres. Ademais da dos 100 anos da bandeira galega, xa mencionada, haberá outra de Raúl Marín (Como mirar por luz) e unha terceira, Encher o baleiro, retrospectiva da obra de Alberto Gende no décimo aniversario da súa morte.