Unha historia de felicidade

Borja Facal

CARBALLO MUNICIPIO

BASILIO BELLO

En primeira persoa | «Mentres o balón rode, un ten a oportunidade de reverter calquera situación», escribe o ex futbolista Borja Facal

20 dic 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Non recordo moi ben o momento exacto no que comezou a miña paixón polo fútbol. O que si sei, dende que teño uso de razón, é que non hai un só recordo que non estea ligado ó balón. Tampouco sei como nin cando foi o meu primeiro contacto con el, pero debeu ser máxico, porque dende ese intre foi o meu fiel compañeiro, ata hoxe. Ao redor del tiven a oportunidade de vivir experiencias únicas, formarme en valores e constituír a miña personalidade.

Nacín en Laxe un 18 de Xuño de 1985. Meus pais eran xunto cos meus tíos os propietarios do coñecido Bar Centro, de aí o meu alcume de «Borjiña do Centro». Alí fun consciente do que transmite e provoca o fútbol. Teño lembranzas das tardes das fins de semana, que eran de chocolate con churros, e fáiseme inevitable non traer á memoria o inconfundible olor dese momento mesturado cos partidos da xornada, en especial os do Real Madrid, pois medrei cos éxitos deportivos da famosa Quinta do Buitre.

A praza Ramón Juega era o lugar onde me transportaba a eses grandes estadios, a eses soños de ser futbolista. A praza foi testemuña das miñas primeiras habilidades co balón, co cal trataba de emular ós meus ídolos. Xogaba só, co meu irmán, cos primos, cos amigos... E ata debo recoñecer que chegamos a eludir por momentos unha prohibición de xogar nela (debido as molestias que ocasionabamos aos negocios da praza) baixo o berro de resistencia: «Si Ramón Juega, nosotros también».

Os domingos eran os días de acudir ó campo Cabo da Area a ver ó meu Laxe e encontrarme alí cos primeiros ídolos: Lucho, Paco, Ubaldino, Tono «Ruso», Juan, Feluso, Sindo… Foron grandes momentos gozando e contaxiándome da ledicia de todo un pobo co seu equipo. Lembro con tenrura esas Copas da Costa, competición agardada por todos para ver ós grandes futbolistas da época.

BASILIO BELLO

Pasaron os anos e centos de momentos nos que o único protagonista seguía a ser o balón. Dende formar parte do equipo do colexio, das escolas municipais, de xogar federado por primeira vez no Baio ou no Cempés de fútbol sala de Ponteceso, ata fichar na etapa cadete no Bergantiños: o noso equipo, o referente da comarca.

Con Luís, o da froita

Ir a Carballo era saír da miña contorna e supoñía un reto persoal. O adestrador, Agustín Costa, acudiu ó bar dous meus pais a trasladarme o interese: brillábanme os ollos de entusiasmo e gañas trala conversa. Eu quería xogar no Bergan, e así foi.

Comigo incorporouse tamén un bo amigo da infancia e os dous facíamos as viaxes xuntos ata Carballo, destino As Eiroas. Cando non tiñamos transporte porque os nosos pais non podían, buscábamos a forma, xa fose en autostop ou, coma outras tantas veces, con «Luís, o da froita», ó que a cambio lle axudábamos na ruta facendo a descarga nas tendas.

A nivel deportivo conseguimos gañar campionatos cun formidable equipo e ascender de categoría de forma sucesiva, tanto en cadetes como en xuvenís. Pero sen dúbida, permitiume coñecer a compañeiros que a día de hoxe son grandes amigos. Na etapa xuvenil debutei no primeiro equipo do Bergantiños da man de Xosé Luís Vara, e aínda lembro as súas verbas para o debut, «neniño, vas rachar o partido». Con esforzo, constancia e ilusión, funme facendo un oco no equipo ata lograr ser, xa cos sénior, un xogador importante para o grupo. Aprendín moito de xogadores como Diego Díaz , Javi González , Josito Fuentes, Ambrosio...

ANA GARCIA

Unha tempada despois iría cara A Coruña tras fichar polo Deportivo B. Si, o Deportivo! Estar compartindo espazo de adestramento e ver de preto día a día a eses xogadores que pouco tempo atrás só alcanzaba a ver pola tele, era incrible. Alí foi onde vivín os maiores éxitos: tres tempadas nas que logramos ser campións, ascenso a Segunda B e play-off a Segunda.

Lembro este último play-off en Ecija, viaxabamos no bus cara o estadio cunha temperatura insoportable, as rúas ateigadas de simpatizantes con actitude desafiante cara nós, e alí preto da entrada do campo estaba miña nai con talante bravía cal María Pita, levantando e facendo visible a camiseta branquiazul entre centos de Ecijanos, dándonos folgos. O noso técnico, Tito Ramallo, na charla antes do partido fixo mención a esa situación, eu non sabía se avergoñarme ou máis ben sentir orgullo por ese xen competitivo que recibín dende a casa. Sempre tiven o apoio e axuda dos meus pais, levándome da man cando facía falta, sendo o punto de equilibrio cando parecía que as cousas se cambaleaban.

Cinco últimas tempadas

Logo desta etapa, dei paso a outras nas que tiven a fortuna de xogar en equipos como o Real Murcia, o Racing de Ferrol e o Compostela, onde puiden lograr éxitos deportivos, pero nos que sobre todo tiven a fortuna de sentir o alento e afecto das súas afeccións, permitíndome entender, como sempre digo, que os seareiros son o motor e a razón dos clubs.

Volvín a Carballo, ao Bergan, nas miñas últimas cinco tempadas como xogador. Fun capitán e puiden axudalo a medrar. Disputamos tres play-off a Segunda B nos que estivemos moi preto, pero sen escalar a gloria do ascenso. Vallecas, Riazor, Pasarón, A Malata, As Gaunas, Reino de León , Sán Lázaro, Novo Vivero, Tartiere, Almendralejo… Aqueles soños de grandes estadios tantas veces imaxinados por aquel rapaz na praza transformáronse en realidade. En torno ó balón vivín emocións de todo tipo, pois o deporte, e en especial o fútbol, mostra a cara máis doce e a máis amarga nun suspiro. Pero tamén me preparou para xerar os anticorpos para non caer na frustración e a deixadez Porque sempre que o balón rode, un ten a oportunidade de reverter a situación.

Paralela á miña formación deportiva tamén foi a académica. Licencieime en Ciencias do Deporte e da Actividade Física, especialiceime en docencia e afondei no estudo do fútbol como Técnico Deportivo Superior. Coa chegada a Carballo, a nova dirección encabezada por Chano Calvo confiou en min para asumir as responsabilidades de director técnico e coordinador na base, pechando así o círculo e agradecendo ao meu club, ao que me formou, todo o desenvolvemento persoal e deportivo, así como as experiencias vividas.

Coa fortuna de ter unha gran familia e amigos, que me acompañaron e me acompañan aínda hoxe, «Borjiña do Centro» deu paso a Borja Facal. E agora, o balón segue a ser protagonista xa nos pés dous meus xogadores pero conseguindo transformar igualmente cada momento en máxico. Os retos e inquietudes, aínda que mudasen a súa dimensión, seguen estando presentes e a praza Ramón Juega o lugar onde imaxinariamente se debuxan partidos por desputar.

Uns apuntes biográficos sobre Borja Facal

Natural de Laxe (1985), Borja Facal foi canteirán do Bergantiños, en cuxo equipo sénior pasou as súas útimas tempadas como futbolista. Tamén militou noutros clubes de Terceira División e Segunda B. Moi implicado na docencia, e con formación académica nese ámbito, a dirección do club carballés confioulle a responsabilidade de comandar as categorías base. tamén chegou a adestrar o equipo sénior trala marcha de Miguel Figueira.