«As cantantes témolo máis doado para facernos ver»

O grupo do que forma parte a artista chega a Carballo na recta final da súa andaina


A mellor música galega soará esta noite con forza no Pazo da Cultura de Carballo (21.00 horas, 2 e 3 euros) da man de aCadaCanto, formación na que Guadi Galego colabora de novo con Guillerme Fernández, Xabier Díaz e Xosé Lois Romero e coas que xa ten coincidido en Espido ou Berrogüetto. «Sempre vou moi contenta a Carballo porque o público trátanos moi ben», conta a artista, inmersa tamén na promoción do seu novo disco en solitario, Lúas de outubro e agosto.

-¿Que poderá escoitar o público que acuda esta noite?

-O concerto será unha mestura dos dous traballos de aCadaCanto: A rosa d?Adina, que é un traballo baseado en textos de Rosalía de Castro, e a metade do repertorio orixinal do primeiro disco.

-¿Pon moito respecto poñer musica ós poemas de Rosalía?

-Sempre supón certa responsabilidade musicar a un poeta e máis aínda tratándose dunha poeta tan prestixiosa e historicamente tan marcada e tan centrada no país como Rosalía, que é un símbolo. Impón un pouco, pero fixémolo moi gustosamente porque cremos que a súa obra sigue tendo vixencia. Rosalía non só é un símbolo, senón que é unha das poetas máis importantes das letras españolas e galegas,

-Espido, Berrogüetto, aCadaCanto... ¿Van seguir colaborando en novos proxectos?

-Iso non o sabemos, pero o que si sabemos é que aCadaCanto está chegando ao seu fin. De feito, este vai ser un dos últimos concertos porque xa naceu así, como un proxecto para un disco que realmente foi un e medio porque fixemos tamén un ep. A idea é non seguir no tempo porque cada un ten a súa propia carreira persoal, e aínda que non se descarta volvernos xuntar nalgún momento, eu por exemplo agora estou centrada no meu novo disco, Xabier probablemente saque un pronto, Xosé Lois está facendo colaboracións con outra xente e Guille está tocando comigo. Sabiamos que isto ía ser así e non pasa nada, xa nos volveremos xuntar dentro duns anos.

-¿Que supón estas colaboracións?

-Estes impasse nos que fas outros proxectos corais con xente coa que evidentemente tes unha empatía persoal, profesional e musical lévate a traballar doutro xeito e sempre supoñen aire fresco. Cando ti estás soa nun proxecto estás moi centrada en ti mesma, mentres que cando vas traballar con outra xente cunha impronta similar á túa e hai que poñer as ideas enriba da mesa e consensuar resulta moi divertido e aprendes moito.

-¿Custa chegar a consensos ou o entendemento é doado?

-Si, normalmente si, aínda que nos poñemos por un lado os cantantes e por outro os músicos [risas].

-O aire pop do seu novo disco causou sensación.

-Si. É unha evolución bastante lóxica na miña carreira. Eu, desde sempre, veño escribindo cancións e estas son un pouco distintas porque precisaba cambiar un pouco e ver como me atopaba noutras lides. A verdade é que foi moi ben.

-Sés está pisando forte e aí seguen artistas como Uxía, Rosa Cedrón, Cristina Pato ou Susana Seivane. ¿Son bos tempos para as mulleres na música en galego?

-Creo que non porque si temos un papel moi importante no que se refire á voz, ás mulleres cantantes, pero aínda faltan por visualizarse na música as mulleres compositoras de clásico, xente que fai rock ou jazz. As cantantes témolo máis doado para facernos ver que as instrumentistas.

-¿A que se debe esta situación, é un problema social, dos circuítos, dos medios...?

-Realmente non o sei porque partimos dunha situación de proporción: hai tantas mulleres como homes. Supoño que é unha cuestión da evolución social que demostra que hai cousas que aínda teñen que normalizarse.

-¿Cal é a situación da música galega?

-Eu creo que estamos nun bo momento creativo, pero aínda faltan cousas por facer. Á xente cústalle moito botarse para adiante porque non hai ningún apoio. Se aos que somos semiprofesionais nos custa moitísimo saír, imaxínate á xente que empeza de cero, aínda que teña unhas ideas brillantes.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
1 votos

«As cantantes témolo máis doado para facernos ver»