Cris López, nova voz de Luar na Lubre: «Nos primeiros ensaios custábame non chorar cantando ''Camariñas''»

Toni Silva BETANZOS / LA VOZ

CAMARIÑAS

Cris López, a nova voz de Luar na Lubre
Cris López, a nova voz de Luar na Lubre CESAR QUIAN

Debutou en setembro nun pobo de Palencia e o día 12 estrearase en Galicia co grupo

27 oct 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Luar na Lubre soprará as 40 candeas coa súa sexta cantante. Cris López (Culleredo, 1991) incorporouse en setembro logo de pasar un cásting no que probaron sorte 30 rapazas. Música de formación, ademais de logopeda, Cris ten agora un concerto inminente en Kazajistán coa formación de Bieito Romero.

—No 2025 o grupo cumprirá 40 anos. Vostede cantos ten?

—Eu 32. A primeira lembranza que teño de Luar na Lubre son as campañas publicitarias do Xacobeo, cando eu era pequena, as promocións de turismo. E despois de escoitar os temas de sempre, Tu gitana na voz de Rosa, Hai un paraíso, Memoria da noite, cando fixeron o tema do Prestixe, son moitos.

—Recolle o testemuño de Irma Macías, Rosa Cedrón, Sara Vidal, Paula Rey, Ana Espinosa... é a sexta. Como se sinte herdando eses nomes?

—Formar parte dun grupo desta traxectoria tan importante para Galicia e para o mundo celta é unha responsabilidade grande á hora de manter o nivel. A miña maior preocupación era non dar a talla. En principio si a estou dando, iso parece. A reacción da xente cando llo comento é in crescendo, «oh, Luar na Lubre, Ah, Luar na Lubre! En serio?» [Ri].

 —Como foi a selección?

—Entereime por Instagram. Apareceume unha publicación de que Luar na Lubre estaba buscando voces femininas. Pensei que sería para algún disco especial, un traballo concreto. E alá fun. Cantei Tu gitana e outros tres temas, e parece que lles gustou moito. E alí souben de que o cásting era para substituír a Irma Macías. Foi o 26 de agosto. A segunda chamada foi moi curiosa. Eu estaba para tocar nunha voda en Betanzos con dous temas de Luar na Lubre, e a cinco minutos de que chegara o noivo chámame a representante do grupo para citarme para unha entrevista a semana seguinte.

 —Xa se estreou nos escenarios co grupo.

—O meu debut foi nun pobo de Palencia chamado Guardo. O seguinte en Alcoi, e despois tiña que ter sido na provincia de Madrid, pero suspendeuse por problemas técnicos. E o próximo vai ser en Kazajistán.

—E que se mete nunha maleta para ir aló?

—Roupa de abrigo, unhas boas botas, e moita ilusión.

Luar na Lubre
Luar na Lubre Antonio Vizvaya

—E cando se estrea en Galicia?

—O 12 de novembro haberá un evento no pazo de Trasariz e imos tocar. E o 16 temos outro acto cun banda de gaitas de Fene.

—Bieito presume de que Luar na Lubre nunca perde o contacto cos membros que xa non están, que, dalgún xeito, seguen a formar parte do grupo.

—É normal, levo moi pouco con eles e me tratan como se levara alí dez anos, comezando pola violinista Nuria, que é marabillosa, que me acolleu dun xeito incrible, igual que o resto. Axúdanche en todo. Mira unha anécdota: antes do primeiro concerto apenas tiven dous ensaios, e Brais, o acordeonista, sabía que eu tiña dúbidas nalgunhas entradas das cancións, e para axudarme berraba «Lume, lume», como un sinal para que eu empezara a cantar. Nos primeiros ensaios de Camariñas custábame non chorar... Son temas tan arraigados a min...

 —Cal foi o seu primeiro contacto coa música celta?

—Dende os tres aniños, eu tiña a pandeireta de catro ferreñas. Empecei nas cantareiras e grazas ao profesor de gaita do Noso Lar de Culleredo entrei no conservatorio.

—Son máis de 20 discos, identifícase con algún especialmente?

—Cabo do mundo, quizais. Non lembro agora cando saíu, son moi mala para as datas e para os títulos das cancións.

—Mentres saiba as letras...

—Si, as letras ben, aínda que ás veces toca improvisar.

—Luar na Lubre vai pola sexta voz sen aparentes conflitos. La Oreja de Van Gogh coa segunda xa teñen lío.

—Non esperaba esta pregunta [sorrí]. O tema das voces é moi soado tamén en Luar na Lubre, hai historias por aí.

—Perdón, que historias?

—A maldición de que aquí as cantantes só duran sete anos. Fálase diso, fíxome moita graza. Eu estou para gozar desta nova etapa, o meu corpo xa me pedía algo novo, algo que me esixira máis. E a min gústame moito o escenario.

«Comprobei que aquí a voz é un instrumento máis»

Cris está a adaptar a súa nova vida ao ritmo do grupo. A piques de cumprir os 33 anos, repasa toda a súa traxectoria académica e musical.

—Teño de todo. Fixen os meus estudos en Culleredo, e despois cursei Logopedia na Universidade da Coruña. Pero, paralelamente, estudei frauta traveseira no Conservatorio de Culleredo, e logo empecei con canto lírico. Ao rematar os estudos universitarios fixen os catro anos de canto lírico no Conservatorio Superior da Coruña.

—Leva dous anos vivindo en Betanzos. Por que se mudou?

—Por conciliación familiar cos horarios do meu marido, queriamos vernos un pouco máis. El traballa por esta zona. Queriamos estar máis tempo xuntos con Lucas, o meu fillo de tres anos.

—Tamén forma parte da banda municipal de Betanzos.

—Pero aí xa levo desde o ano 2011. E tamén na de Abegondo. Sigo a dar clases de música no barrio dos Rosais da Coruña, e estaba na Bule Bule Band, formada por uns bos peixes e un frikis marabillosos. Xosé Taboada é un músico moi recoñecido, e logo está Francisco Lafuente, con el empezara como corista nun grupo tributo a David Bowie e terminei sendo a cantante principal da Bule Bule. Tamén son a directora do coro do Orfeón Herculino. 

—Que sacrifica entrando en Luar na Lubre?

—O tempo coa miña familia, co meu pequeno. E tamén as bandas. Quen está nunha banda de música sabe que aí nos formamos moito e hai un cariño moi grande, teño que deixar todo iso, incluído Bule Bule.

—Cómo é un ensaio de Luar na Lubre? Costa imaxinar a Bieito Romero cabreado?

—Nunca o vin enfadado, é unha persoa moi calmada. Ate agora a experiencia con eles está sendo moi boa, incluso lles pido que me corrixan porque non me din nada para matizar. Comprobei que neste grupo a voz é un instrumento máis, ensaiamos en círculo para facilitar a comunicación.

E volvendo á figura de Bieito, ten moitísimas anécdotas, de todo tipo, coa música, coa historia, apréndese moito ao seu carón.