O sono das sereas

«É obvio que a Costa da Morte está a converterse nun espazo literario de seu»


Xornada matutina no Arquivo Diocesano de Santiago, hai xa algúns meses. Un dos máis laureados escritores de Galicia, filólogo e xornalista de formación e docente universitario de profesión, consulta libros parroquiais. Se cadra eran os da freguesía laxense de Santiago de Traba, citados na obra por certo. Si, precisamente aquí está ambientada a breve novela, só 157 páxinas, de Xosé A. Neira Cruz: O sono das sereas (Premio Repsol 2017, Galaxia). É obvio que a Costa da Morte está a converterse nun espazo literario de seu. No ronsel de Costa do Solpor de Xosé María Lema ou O anxo negro de Manuel Gago, o relato é unha homenaxe máis a esta enfeitizante terra na que nos tocou vivir.

O plano do presente: unha médica moza, unha restauradora de arte sacra que se aloxa na casa do cura, o garrido párroco de Traba, unha vella desacougante que reside tamén na reitoral… e unha casa habitada por mulleres, unha delas que case xa non é deste mundo. Os feitos do pasado: un náufrago, artista nórdico que, como Man de Camelle, fica nestes lares e deixa a súa pegada na igrexa parroquial de Traba, en cuxo retablo traballa a estupefacta restauradora. Pero non é unha pegada calquera a que deixa o náufrago: así o reflicte a ficticia reportaxe de La Voz de Galicia incorporada ao final da novela, que o lector non debe ler baixo ningún concepto, se non quere malograr a experiencia. A moderación de Neira Cruz na experimentación de innovacións narrativas permite unha lectura fluída e cativadora, sostida ata o final pola renuncia a prolixidades enfadosas. Non fagan caso da inoportuna ilustración da portada, o lenzo Morte e vida de Gustav Klimt: no relato todo é menos explícito, máis sorprendente por tanto. Lean esta noveliña, léana dunha sentada, para captar sen interrupcións a atmosfera salobre do Val de Traba, o misterio que encerra a intrahistoria destas terras nosas que confinan co Alén.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
4 votos
Comentarios

O sono das sereas