MADE IN COSTA DA MORTE | Ricardo Álvarez ideou, xunto con Bruno Carballo, a comercialización de auga de mar extraída no coído de Sabadelle, en Vimianzo
16 dic 2018 . Actualizado a las 05:00 h.O vimiancés Ricardo Álvarez Canosa, aparte de como propietario do emblemático restaurante Vía Rápida e como impulsor de actividades sociais, destacou hai uns anos xunto a Bruno Carballo, coa auga de mar Brétema, extraída do coído de Sabadelle. Agora ese produto deu lugar a varios más, como a cervexa Estrela de Mar.
-¿Onde a venden?
-Onde máis vendemos é no País Vasco, A Coruña, Santiago, algúns sitios de Madrid... Aquí témola no faro de Camariñas, na tenda Stoupa de Cee e despois en lugares especializados en cervexas, como poden ser pubs tipo A Ventana de Laxe e así. O que mellor nos funciona e máis vendemos son os packs para levar de recordo. Por iso sae moito máis no verán cando hai turistas. No inverno tamén sae, pero menos porque o que é para gran consumo non a temos.
-¿Quen lla fai?
-A Cova da Serpe que é unha cervexeira de Lugo. Eles fan varias cervexas negras, tostadas,... e nós cando nos fai falta imos avisándolle e fainos a nosa coa auga que lle levamos nós de aquí.
-¿Como está funcionando a auga de mar?
-Vai indo ben. Facemos envases de tres, cinco e tamén de 15 litros sobre todo para hostalaría. Por exemplo véndese moito pola zona de Alacante, aínda que a gran maioría sae a través de Internet, non sendo algunha partida grande que vai a través de distribuidores. Empregase sobre todo en cociña, pero tamén para desconxelar, por exemplo unha pescada para que vaia collendo outro sabor ao desconxelar en auga de mar.
-¿Seguen elaborándoa directamente?
-Si, temos un sistema de filtrada en frío para quitarlle o boro e outros elementos que o que fai é que saia totalmente natural, porque hai outras que iso o obteñen agregándolle produtos químicos. Despois analizámola dúas veces: antes e despois xusto cando a poñemos á venda.
-¿Que outros produtos pensan facer?
-Hai cousas na cabeza, pero non as podemos dicir. Temos unha tónica, Bágoas do Mar, que fai Landeira de Santa Comba, a xenebra Bravú e a bebida isotónica Refix, que se está a vender moi ben nos Estados Unidos.