«Intentaremos recrear como Man vivía aquí, como tiña a casa por dentro»

Patricia Blanco
Patricia Blanco CARBALLO / LA VOZ

CAMARIÑAS

MANU NEGREIRA

O restaurador da casa do anacoreta de Camelle asegura que, na medida do posible, «todo é recuperable»

10 nov 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

O mar das Rías Baixas, ao que está acostumado Jonathan Balbuena (40 anos), sendo el da zona de Vigo, non ten nada que ver co da Costa da Morte. Aquí bate cunha forza inusitada, identitaria, e así o puido comprobar estes días el mesmo. Jonathan é o restaurador da caseta de Man de Camelle: as obras están en marcha e delas encárgase Constructora e Ingeniería Messi S. L. Foron moitos anos de espera, e moitos contratempos para poder chegar á adxudicación destes traballos cargados de simbolismo. Mesmo para o propio restaurador. Pese a que a firma se levou a cabo a semana pasada e as obras comezaron hai uns días, xa hai tres semanas que Balbuena chegou á vila: «Vin antes para asentarme, alugar un sitio onde estar e contactar coa xente que traballa por aquí», explicaba onte pola tarde. Os traballos deberían estar rematados nun prazo de dous meses.

-¿Que situación atoparon?

-Atopámonos a casa baleira. É dicir, ten as cousas colgadas que tiña Man..., pero o que é cousa de madeira, ou a cama e iso, nada.

-¿E que nivel de destrución logo de tantos anos de agarda?

-Realmente, e aínda que o peor pareza que son as pinturas por fóra, en realidade éo o tema estrutural: a cuestión do tellado, entra auga... Pero todo é recuperable.

-¿Cantas persoas están a traballar agora mesmo na caseta?

-Tres: un albanel, o carpinteiro e eu, que son restaurador. Aos dous contratámolos aquí, e os dous son de Camelle. Penso que iso está sempre mellor, contactar con xente de aquí, que sabe como traballaba Man, como pintaba as cousas, con que materiais... Era aquí onde llos daban os mariñeiros: as cordas, as pinturas...

-¿Coñecía todos os prolegómenos desta obra de restauración? ¿E a figura de Man de Camelle?

-Si... De feito, levo ligado a Man bastantes anos. Xa cando estaba na escola de restauración, hai uns dez ou once anos, fixen con outros compañeiros e un profesor que nos guiou un positivado dunha das súas obras, que está agora no museo. Dende aquela, quedei ligado a este sitio. Man pareceume unha persoa extraordinaria. Eu coñecíao de oídas, de escoitar aquilo típico: «Hai que ir a Camelle, que hai alí un home que vive dunha maneira un pouco ermitá e tal...». Era como un pouco chocante, e ademais aquí na Costa da Morte... Estes días estouno comprobando: o mar aquí é moi moi bravo en comparación co das Rías Baixas, que é onde vivo eu. Sorprendeume que intentase vivir desta maneira, tan preto da natureza. Foi unha pegada bastante forte pensar en como vivía. Agora que estou aquí, moito máis. Se visitas o museo dáste de conta de que Man non era só un ermitán, era un artista, un artista ademais con maiúsculas.

-Parece un círculo pechado para vostede. Tamén Man traballaba moito cos círculos.

-¡Xusto, xusto!

-¿Que están a facer agora mesmo na casa e que será o próximo?

-Hoxe [por onte] rematamos de poñer o chan novo, o chan de madeira, máis ou menos imitando o que tiña el, pero en mellores condicións. Despois virá unha estrutura que vai aguantar o peso do teito, tamén en madeira, como o tiña el, igual. O que imos intentar é recrear como el tiña a casa por dentro: coas estanterías, coa súa cama, onde tomaba o sol para secar logo de ir a nadar, a zona que lle chaman o solarium, onde ten estas ventás grandes... Intentamos recrear como el vivía aquí, máis ou menos, como tiña el todo distribuído. Evidentemente, non poderá ser con todas as cousas que tiña, porque a parte de que moitas están no museo, sería unha tarefa moi complexa.

-¿Algunha vez se enfrontara a un traballo con esta pegada na sociedade, con este apego?

-Os traballos grandes que teño feito foron case todos en Santiago de Compostela, na catedral. Estiven como encargado na Torre da Berenguela e na fachada da Acibecharía... logo fixemos algunha estancia da Casa do Cabildo, no Mercado de Abastos... Tamén algunhas cousas interiores: algún retablo na capela do Museo do Pobo Galego, por exemplo. Fóra de Santiago, tamén retablos noutras zonas de Galicia.

-Man, a catedral...

-Son traballos moi diferentes. Estamos falando de que a catedral trátase coma se fose unha obra de arte barroca, pero isto é unha obra de arte contemporánea. Os materiais son moi diferentes. Para facer a consolidación da pintura, os estados de cor da pintura, é distinto, porque son pinturas plásticas, das que usan os mariñeiros por aquí. Cada obra é diferente, un mundo.