Autobuses

Santiago Garrido Rial
Santi Garrido PICO DE MEDA

CAMARIÑAS

19 sep 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Pensabamos moitos hai tempo que os buses de liña na bisbarra acabarían desaparecendo. Ou esmorecendo. Non había que ser moi listo para prevelo: cada vez menos usuarios, máis coches particulares, menos liñas activas, máis marquesiñas oxidadas ou destrozadas e sen reposición. Novos hábitos de vida, outros costumes, xente moza que ve o autocar como unha rémora do pasado que se quere deixar atrás. O nome dos buses forma parte de moitas memorias e moitas xeracións: o Castromil, o Celta, o Calpita, o Finisterre. Para moitos, o autocar de liña é o Finisterre, sen máis. Aínda lle chamamos así. Tal e como van as cousas, non me estrañaría nada que recuperase o nome. Xa foi Arriva e deixou de selo, foi Vázquez e deixou de selo, e agora Arriva de novo. Moita ilusión me facía ver os buses típicos de Londres, os vermellos de dous pisos, coas letra Arriva: mira, como os nosos.

Os Finisterres non eran épicos, pero neles fixéronse moitas historias. Ambulatorios, feiras, o Juan Canalejo, os dos obreiros ata Sabón ou A Grela, os institutos. Os condutores eran casi veciños, eu aínda lembro o nome de tres dos anos oitenta. Coñecías xente, facías comarca falando cun de Fisterra ou de Camariñas. A vida era outra.

E non. Os autocares resulta que non morreron. A Xunta volve a impulsar o transporte público, con algunha liñas nova e a opción (por agora, só unha, a ver se chegan máis) de empregar os buses escolares para moverse. Veremos que pasa, non vexo aos rapaces novos moi dados a isto, pero xa sei de grupiños que se moven entre Carballo e A Laracha para quedar, ou usan a tarxeta metropolitana. Quen sabe, todo dá moitas voltas.