RADIOGRAFÍAS | O |
13 jul 2004 . Actualizado a las 07:00 h.HABERÍA que escribir unha tese doutoral para comprender a relación intrínseca que temos cos explosivos. O último episodio é o achádego de dinamita en Camariñas. Uns cartuchazos de xelamonita ao mar e aló saen as sardiñas atordadas, lixeiramente torradas polo brutal trallazo. Pouco importa que se repita ata a saciedade que os que empregan estas técnicas están hipotecando o mañá dos seus. Os que somos de terra adentro sabemos que o gusto pola destrucción non é patrimonio da beiramar. Durante anos houbo quen non dubidou en empregar barrenos para capturar troitas nas presas. As caixas de lixivia, os sacos de cal ou mesmo as descargas eléctricas tamén proliferaron nos ríos da montaña. Na longa lista de insensateces poderiamos incluír tamén algún que outro megalito que pasou a mellor vida cunha certeira carga explosiva. Pero o máis curioso do asunto é que a maioría destas prácticas non son consideradas como delicto por boa parte da poboación. E aí refórzase a miña teoría do escasísimo interese que temos polo que é de todos. Pedimos autovías, axudas para o desenvolvemento, mentres tanto construímos un mañá que cheira á chamusco da pólvora.