Premios aos novos contadores de historias

M. López / P. Blanco CARBALLO / LA VOZ

CABANA DE BERGANTIÑOS

Teatro, música e relato déronse cita na entrega dos galardóns do certame «Contos de Nadal»

16 dic 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

O vento batía onte con forza nas fiestras do Centro Arqueolóxico Dolmen de Dombate, e a choiva mollaba a todo aquel que cruzaba ás carreiras o aparcamento exterior. Mesmo algún trono quixo facer acto de presenza ao longo da mañá. Non foi un día apracible, máis no interior do recinto foi premiado o esforzo de dez nenos da comarca que gañaron, coas súas imaxinativas historias e entre as 253 propostas, a décimo quinta edición do certame Contos de Nadal, convocado por La Voz de Galicia e Radio Voz, co patrocinio de EDP Renovables.

Aos gañadores, procedentes de seis centros educativos da Costa da Morte, faloulles José Muíño, alcalde de Cabana, da súa propia experiencia na busca de contos e historias, de como se proclamou vencedor nun certame ben similar a este, e de como, aínda hoxe en día, lembra ese momento. «Eu estou aí sentado, con vós», dixo Muíño durante a súa intervención, antes de animar aos pequenos a «pelexar polo que de verdade importa» e a valorar esas pequenas cousas que, xa sendo adulto, «seguen marcándonos».

«Contade con nós»

Tamén Juan Rey, representante en Galicia de EDP Renovables, quixo felicitar o gran traballo dos alumnos, antes de reiterar o «compromiso» da Fundación que representa e ofrecer a súa colaboración para vindeiras edicións, visto o éxito desta última, na que se bateron todos os récords de traballos presentados. Algo máis de 250, para ser exactos, e de gran calidade, como quixo resaltar o director de La Voz de Galicia, Xosé Luis Vilela, que destacou especialmente a aparición reiterada nos contos desa figura familiar que se perde as ceas de Nadal por estar no mar. Fíxoo antes de enfundarse o traxe de contador de historias e rematar cun dos seus xa tradicionais contos a súa intervención. «A guinda que pon Xosé Luís Vilela cos seus contos creo que é xa unha marca propia destes premios», afirmaba o presidente da Deputación, Valentín González Formoso, ao rematar. Tamén quixo eloxiar o presidente do ente provincial a elección do lugar no que levar a cabo a entrega dos recoñecementos: «Gústame vir a este acto porque se respira ilusión, pero tamén polo espazo no que se desenvolve, pois Dombate foi sempre un lugar moi mimado pola Deputación, xa non só nesta etapa actual, senón historicamente».

Pero antes incluso de que os cativos recollesen os seus premios, a poeta e artista local Matilde Vilariño recitou o seu poema Kepa Junkera no dolmen de Dombate, no que fixo referencia á visita que o músico vasco fixo a Borneiro durante o verán. Vilariño, que hai uns meses enchía o auditorio cabanés na presentación da súa última peza, firmou varios exemplares do seu libro Poemas que non foron ó lume.

Pola súa banda, Tamara Lema e Yago Espasandín, con Eloy Mato ao acordeón, interpretaron a teatralización de O ladrón de soños, de Sabela Fernández Trelles, facendo as delicias dos pequenos. Un dos momentos máis divertidos da gala.

Unha viaxe musical

«Hemos tenido teatro, tenemos a los pequeños escritores, y ahora hablaremos otro idioma universal, como es la música, otra forma de imaginar. Tengo una voz muy fea, pero el violonchelo canta por mí», presentábase o músico Vladimir von Litvikh, antes de ofrecer aos asistentes un «viaje por la música»: de Bach ao ‘O Sole Mio de Pavarotti, pasando polo My Way de Frank Sinatra.