Máis contía de premios e nova localización: así será o concurso de entroido da Laracha

La Voz CARBALLO/ LA VOZ

A LARACHA

BASILIO BELLO

É unha das propostas centrais do programa de actividades organizado polo Concello, dado a coñecer este mércores 

29 ene 2026 . Actualizado a las 20:01 h.

Participativo, creativo e pensado para todos os públicos. Así será o programa do Entroido da Laracha, que o Concello vén de presentar este mércores e no que, coma sempre, terá especial peso o Concurso de Disfraces. O certame ten este ano dúas novidades destacadas: sobe a contía de premios, que pode chegar a superar os 5.000 euros, e muda o lugar do desfile, que pasa á Praza Les Sables d'Olonne, a explanada da biblioteca. Será, todo isto, o martes 17 de febreiro, dende as 18.30 horas, no descanso da verbena que amenizará Fania Blanco Show dende as 17.30. As inscricións quedarán abertas o luns 2 de febreiro e poderán formalizarse ata a véspera ás 12.00 horas, tanto en liña como presencialmente na Casa da Cultura. Terá o concurso estas categorías

  • Individual infantil (ata 12 anos). Incentivos económicos de 75, 60 e 50 euros. 
  • Individual adultos (a partir de 13 anos). Incentivos, tamen, de 75, 60 e 50 euros. 
  • Parellas. Premios de 90, 80 e 70 euros. 
  • Grupos (de 3 a 8 integrantes). Premios de 350, 300 e 250 euros. 
  • Comparsas (máis de 8 integrantes). Premios de 1.000, 600 e 500 euros. As bases establecen a posibilidade de outorgar ata 10 accésits de 200 euros cada un para o resto de comparsas participantes que se consideren merecedoras del por creatividade, calidade ou escenificación. 

Máis alá do concurso de disfraces, o Entroido larachés traerá estoutras citas: 

  • Tradicional festa de entroido no pavillón do IES Agra de Leborís, o domingo 15 de febreiro, de 17.00 a 20.00 horas. Con inchables, DJ infantil con coreografías e bailes e larpeiradas para os pequenos disfrazados. 
  • Dous espectáculos de maxia, ambos na Casa da Cultura ás 17.30 horas. Un, o luns 16 de febreiro, con Dani García. Outro, o mércores 18 con Joshua Kenneth. En ambos casos, colabora o programa Dinamiz-ARTj. 
  • Obradoiros de máscaras de refugallo. O luns 16 e o mércores 18, pola mañá, na Casa da Cultura, para escolares de infantil e primaria. Inscricións dende o 9 de febreiro, en liña ou presencialmente. As prazas completaranse a medida que se vaian anotando.