«Querían que xogaramos con botas rotas, sen cordóns e con pares soltos»

Antonio Longueira Vidal
Toni Longueira CARBALLO / LA VOZ

A LARACHA

Clara López

O presidente do Paiosaco, Carlos García Rodo, mostrouse crítico coa actitude da directiva do Barco

30 oct 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Ao presidente do Paiosaco, Carlos García Rodo (Paiosaco, 1975) duráballe onte o enfado co Barco e o colexiado por obrigar ao seu equipo a xogar cun material «que carecía dunha calidade mínima para disputar un partido de Terceira División». E defende a decisión do adestrador Juan Riveiro de non xogar o partido en Valdeorras deste domingo.

-¿Cal é a versión do club?

-Iamos por As Nogais e o autobús do equipo estragouse. Quedamos tirados na estrada e o condutor dixo que non era capaz de arranxalo. Chamouse a varios talleres da zona para ver se podían facer algo e a única solución tivémola no mecánico da grúa que veu axudarnos. Os rapaces foron noutro autobús ata Vega de Valcarce a xantar mentres nós tratabamos de arranxar o outro autobús porque era o que levaba todo o material deportivo.

-¿E que pasou?

-Rompeu o compresor do aire e iso bloqueou todas as portas. A única solución era rebentar unha porta e iso non era posible.

-¿Que fixeron entón?

-Chamamos a Diego Batalla, secretario da Federación Galega de Fútbol e a xente do Barco explicándolles o que nos pasara.

-¿Que lle dixeron?

-Dende a federación, que non ter material non era motivo para suspender o partido. Polo tanto falamos co Barco e comentámoslle o problema. Collemos un autobús e marchamos a Valdeorras.

-¿Que pasou ao chegar ao campo de fútbol?

-Que non había material suficiente para todos. Soamente dous pares de caneleiras, un par de guantes con buratos e o das botas clamaba ao ceo. Pretendían que xogaramos con botas rotas, sen cordóns, con pares soltos e sen soletas. De súpeto nos deixaron outros cinco pares de caneleiras máis, e claro, así son sete pares e había que xogar o partido.

-¿Por que?

-Porque a normativa di que os guantes do porteiro non forman parte do uniforme regulamentario, pero si as caneleiras, e a normativa tamén di que para poder xogarse un partido hai que ter un mínimo de sete xogadores, por iso o Barco acadou eses cinco pares a maiores de caneleiras.

-¿Que dixo o árbitro?

-Que para el o partido poderíase xogar porque o material era o mínimo imprescindible para poder xogar. Pero, ¿como imos xogar con dúas botas de pares soltos, sen cordóns, sen soletas, rotas, con tacos de goma nun campo de herba natural chovendo como chovía? Era imposible cun xogador se puidera manter en pé.

-¿Trasladaron esas incidencias ao colexiado?

-Si. Pedímoslle que reflectira na acta a calidade do material, pero el dixo que non podía facer xuízos de valor.

-¿Quen tomou a decisión de non xogar o partido?

-O Paiosaco. O que non di o colexiado na acta é que o material no valía para xogar un partido de Terceira División e, polo tanto, decidiuse non xogar.

-¿Nótoo enfadado?

-É que é moi inxusto que vaias xogar, tes un problema co autobús, notificas en cada momento a situación do equipo, tanto á federación como ao outro club e te ofrezan ese material deportivo. O Paiosaco foi xogar un partido de fútbol. Pode perder, empatar ou gañar, pero sempre dende a legalidade e o respecto ao equipo contrario.

-Negarse a xogar suporía, en caso de confirmarse, a perda dos tres puntos.

-Hai que esperar que decisión adopta a federación e logo quedarían as nosas alegacións. Fixemos fotografías do material que se nos prestou por parte do Barco como probas de que con esas botas, sete pares de caneleiras e uns guantes con buratos non son as formas de poder competir de igual a igual.