Aquel setembro negro

Guadalupe Vázquez Formoso LABIRINTO NAS SOMBRAS

CARBALLO

A autora, na zona cero no 2002
A autora, na zona cero no 2002 GVF

Ésabido que un morre dúas veces: unha cando abandonas este mundo, e a segunda, cando deixan de dicir o teu nome.

Desde aquel tráxico día de setembro no que case tres mil persoas se esvaeron no lume das Torres Xemelgas e o Pentágono xa pasou un cuarto de século, e o verdadeiro reto é manter viva a memoria. «Never forget».  

Pero aquel 11 de setembro de 2001 tamén deixou superviventes, rescatistas e familias das vítimas, para os que o calendario quedou suspendido naquel día. Moitos continúan librando unha guerra contra o peso da culpa. «Por que eu saín con vida e aquel non?». É o paradoxo de sentir que o corpo está a salvo pero a mente queda atrapada entre o caos, intentando resolver un dilema sen resposta. Sentiron que non tiñan dereito a chorar, pois a súa dor era unha falta de respecto ás familias que o perderan todo. Ao mirarse no espello, vían a un debedor de vida.

Mais sobrevivir ao 11-S non foi un acto de egoísmo, senón unha segunda oportunidade, unha páxina en branco asinada cos nomes dos que xa non están.

Aquel 11 de setembro lémbranos a fraxilidade da vida, pero tamén nos amosa, na figura daqueles que sobreviviron, a firmeza dunha árbore que resiste á peor das tormentas. Ensínanos o valor de seguir camiñando cando o chan se afundiu baixo os teus pés.

Pero o mellor legado que podemos extraer daquela traxedia é a absoluta necesidade de lembrar, educando na defensa da paz, ensinando a tender pontes no canto de erguer muros para que nunca máis se repita un setembro así de negro.