A máis dura das (co)misións 

Antón Lestón
Antón Lestón CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

Festa da Carballeira de Zas, unha das celebracións máis destacadas do verán na Costa da Morte
Festa da Carballeira de Zas, unha das celebracións máis destacadas do verán na Costa da Morte BASILIO BELLO

Cada vez é máis difícil atopar relevo nas comisións de festas da Costa da Morte

19 ago 2026 . Actualizado a las 05:00 h.

Estamos a ver por toda a Costa da Morte como cada vez se botan máis berros ao ceo en busca de relevo para as comisións que organizan as festas que logo todos gozamos como o que máis. Un labor que noutra época era do máis cool para os veciños e veciñas de cada localidade, pero que nestes tempos tornouse nun auténtico «marrón» para quen o asume. 

Evidentemente, as obrigas administrativas, económicas e legais da máis mínima das festas son hoxe moito maiores que as que había. Pero non creo que esa sexa a causa principal deste desinterese. Esas apúntoas a dúas circunstancias: o pouco agradecido que é o inmenso traballo, e o difícil que é motivar a xuventude para que traballe polos demais.

Teño 31 anos e, pese a que xa hai quen quere eliminar aos da miña xeración dese amplo abano que demarca a xuventude, sei do que falo. Custa moito atopar persoas da miña idade nas comisións de festas, cando en realidade somos, década arriba e década abaixo, os que deberiamos tirar delas. E non porque non vaiamos cobrar ou porque non nos guste traballar, como moitas veces critican os maiores. Vai máis alá. Ese movemento colectivo, veciñal, estase a perder. E con el perderase solidariedade, tradición e, o máis importante, identidade.

Cada vez menos xente, e xa non falo só da mocidade, aporta para unhas festas cada vez máis caras. E o peor de todo é que esa parte da veciñanza adoita ser proporcionalmente a que máis se queixa. Por todo o exposto, sirva este pequeno xunte de letras para recoñecer a encomiable labor de tódalas comisións de festas.