En marcha o proxecto da UDC Terraverso, con cinco fundacións

X. Pampina CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

Reunión inicial do proxecto Terraverso, o 5 de xuño, na Fundación Pondal
Reunión inicial do proxecto Terraverso, o 5 de xuño, na Fundación Pondal ANA GARCIA

Inclúe unha enquisa para facer un diagnóstico sociolóxico das casas-museo, entre elas a Fundación Pondal

15 jul 2026 . Actualizado a las 05:00 h.

Un equipo da Universidade da Coruña (UDC) liderado pola carballesa María Andrade Suárez acaba de pór en marcha o proxecto Terraverso coas fundacións Pondal, Rosalía de Castro, Curros Enríquez, Uxía Novoneyra e Otero Pedrayo. Ademais de crear xa a páxina web, acaba de convocar unha enquisa para facer un diagnóstico sociolóxico da relación das persoas coas casas-museo dos cinco autores.

A iniciativa parte do Laboratorio de Arte, Ciencia e Comunidade arredor do patrimonio literario rural e está financiada pola Fundación España para la Ciencia y la Tecnología. Está coordinado por María Andrade, do departamento de Socioloxía e Ciencias da Comunicación da UDC. Desenvolverase entre este xullo do 2026 e xullo do 2028 co obxectivo de transformar as casas-museo e fundacións de escritores do medio rural en espazos de encontro entre patrimonio, creación artística, investigación e participación cidadá. Trátase de velos non só como espazos de conservación e memoria dos escritores e escritoras, senón tamén como lugares vivos capaces de xerar coñecemento, creatividade e implicación social.

Levaranse a cabo procesos de investigación participativa, obradoiros, mediación cultural e, entre outras tarefas, estableceranse ferramentas dixitais. Iria Caamaño, Estefanía López, Elvira Santiago, Teresa Piñeiro, Maricarmen Tapia, Noel Castro, Manuel Docampo e Alberto Varela forman parte do equipo.