Tributo a Cabeza Quiles en Carballo: «Acabamos de gañar varios séculos»

zaida arnau / p. b. CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

Así botou a andar o programa especial de Radio Voz, na carpa da PLIC
Así botou a andar o programa especial de Radio Voz, na carpa da PLIC ANA GARCÍA

A PLIC, a Praza dos Libros, acolleu un programa especial de Radio Voz tributo ao escritor e divulgador

11 jul 2026 . Actualizado a las 23:39 h.

O programa?Voces de Bergantiños de Radio Voz, conducido por Fran Rodríguez, emitiuse este venres en directo dende a Praza dos Libros de Carballo, a PLIC, xa na súa 20.ª edición, especial por ese aniversario e polo especial recordo a Fernando Cabeza Quiles. A emisión foi homenaxe ao investigador, mestre e escritor, falecido o 1 de maio, e reuniu a familiares, amizades e compañeiros que debuxaron o retrato dun home que fixo da defensa da toponimia e da cultura galega unha forma de vida.

Daniel Pérez, alcalde, destacou o labor de Cabeza na conservación e memoria das raíces do territorio. Ángeles Pacoret, concelleira de Bibliotecas e Arquivos, vaticinou que, co paso do tempo, coñecerase cada vez máis o seu legado. O escritor Santiago Pazos, amigo, definiuno cunha palabra: «Integridade». Unha calidade que marcaba tanto a súa forma de investigar como a súa maneira de vivir, destacando a defensa que Fernando fixo sempre da lingua e da identidade galega.

A súa paixón polo territorio conviviu coa do ciclismo. Ricardo Terceiro, neste senso, lembrou os anos compartidos na Estrada, cando ambos saían en bicicleta, chegando Fernando incluso a adestrar co ciclista profesional Manuel Blanco. Décadas despois, Ricardo e Fernando volverían atoparse grazas aos libros.

Un dos momentos do programa, con Ana Boullón á dereita
Un dos momentos do programa, con Ana Boullón á dereita ANA GARCÍA

Da súa etapa como mestre falou Celestino Pérez: «Era unha persoa humilde por riba de todo». Entre as anécdotas que compartiu, unha explicación que Fernando ofreceu sobre a toponimia de Paiosaco. Tras unha detallada exposición, algúns dos seus compañeiros comentáronlle, en ton de brincadeira, que lles fixera perder dez minutos. A resposta de Fernando resumiu a súa maneira de entender o mundo: «Non perdemos dez minutos, acabamos de gañar varios séculos». A académica Ana Isabel Boullón situou a Cabeza entre «os grandes estudosos dos nomes de lugar de Galicia e o maior divulgador da toponimia galega». Revelou que deixou unha investigación sen rematar que esperan completar para que vexa a luz.

O seu compromiso coa cultura quedou patente nas intervencións de Caro Pacoret, presidenta de Lumieira, quen lembrou as súas constantes colaboracións coa entidade xa desde comezos dos anos oitenta. Xan Fernández repasou a súa participación como socio fundador do Instituto de Estudos Bergantiñáns. «Queríamos achegar a lupa ao territorio», dixo Xan, engadindo que Fernando rematou o seu traballo para a próxima publicación da entidade antes de falecer.

No centro, Rosario Pereira, viúva de Fernando Cabeza Quiles
No centro, Rosario Pereira, viúva de Fernando Cabeza Quiles ZAIDA ARNAU

A faceta literaria foi reivindicada por Miguel Anxo Fernán, quen o definiu como «un ser humano excepcional», sabio e con criterio propio, destacando a súa obra, que supera as 3.400 páxinas.

O peche da homenaxe correspondeu á viúva, Rosario Pereira: lembrou a vida compartida desde os tempos da universidade, cando iniciaron unha historia de amor que xa supera o medio século.

PROGRAMA PARA HOXE

  • De 11.00 a 14.00 e de 18.00 a 22.00 horas. Aperturas dos postos das librarías e editoriais. Descontos do 10 % e agasallos.
  • 12.00 horas. Presentación de «O misterio dos gatos rosas», de Marta Villar (infantil).
  • 13.30 horas. Regueifa coa Escola de Regueifa de Carballo.

  • De 18.00 a 21.00 horas. Retratos con retranca: a caricatura. A cargo de Mon Lendoiro, Cristina Santiago e Santi Picos.
  • 18.30 horas. «Can de palleiro (outro circo na biblio)», espectáculo de Dani Blanco (infantil).
  • la de Regueifa de Carballo.
  • 19.00 horas. Sinatura de obras. «Cinza», de Xabier Alcalá e Manel Cráneo (19.00); «Pel Memoria», de Silvia Tasende (20.00), e «Serea e Ulises», de Diana Varela Puñal (20.00 tamén).
  • 20.00 horas. Presentación de «Cadea de favores», de Rober Cagiao. Acompaña Marta Villar.
  • 21.00. Presentación de «Eu voun navegar», de Farruco Graña. Acompaña Xan Fraga.