O sabio do Nós

Miguel Anxo Fernán Vello

CARBALLO

Fernando Cabeza Quiles
Fernando Cabeza Quiles ANA GARCIA

In Memoriam | Escribe Miguel Anxo Fernán Vello

07 may 2026 . Actualizado a las 05:00 h.

Cando agora nos doe no máis fondo do ser a desaparición repentina do noso amigo Fernando Cabeza Quiles, eu déixome levar por aquel Alejandro Jodorowsky —«místico ateo», así el se definía— que sostiña que o sabio é paciente e humilde, humano e fértil, amoroso e aberto, e que, dende a súa sabedoría, «flúe no Nós». Sen dúbida, o profesor, investigador e escritor Fernando Cabeza Quiles emanará e irradiará sobre nós e en nós —xa era nel esa ‘transmisión' unha constante en vida— o seu coñecemento e a súa arte literaria, o seu amor profundo polas raíces das palabras da terra e polo idioma que medra ao vivo, pois déixanos unha obra escrita e un legado cultural de primeira orde e transcendencia.

Con nove libros publicados sobre investigación toponímica —o primeiro no ano 1992—, Cabeza Quiles converteuse no máis importante referente científico no estudo e na divulgación dos ‘nomes de lugar' da nosa terra. E o conxunto da súa obra neste eido supera amplamente as 3.000 páxinas publicadas en libro, algo que non ten parangón non só no noso país, senón no ámbito internacional. O noso sabio dos nomes e do ‘nós' facía realidade nas súas investigacións aquilo que Roland Barthes definía como a ‘hiper-semanticidade' dos nomes propios, pois o topónimo, que debe ser sempre interrogado con sumo coidado, acaba sendo o «príncipe dos significantes». E así Fernando Cabeza Quiles, esculcador permanente dos nomes dos espazos xeográficos, filólogo da terra representada, acabou por ser tamén dono e señor do noso universo toponímico.

Mais tamén o noso sabio era brillante ensaísta, con varios títulos dados á luz, e creador literario, con cinco libros de relatos publicados, resultado da súa experiencia vital e existencial. Todo un polígrafo. Un home de intelixencia inmediata, erudito e humanista, amábel e reflexivo, altruísta e sumamente cultivado no amor aos seus e á xustiza social. Como afirmaba Ralph Waldo Emerson, a marca invariábel da sabedoría é ver o milagroso no común. E Fernando Cabeza Quiles vía todo iso entre nós e aínda máis alá.