En primeira persoa | Escribe Santi Pazos | Hai tempo que non durmo ben, algo común do que non se fala moito
19 abr 2026 . Actualizado a las 05:00 h.Así, como esa xeada que se escorre líquida entre os dedos, liberada, como ben escrebe M. A. Martínez Quintanar no libro Episodios con figuras editado por Espiral Maior, tamén escapa en demasía, moitas noites, o plácido sono que corpo e mente precisan cando nos deitamos. Non é certo que ese estado de letargo que nos dá folgos para seguir activos e render satisfactoriamente, día tras día, teña que ser un paraíso inalcanzable. Sabemos que hoxe, por fortuna, temos ao noso dispor múltiples recursos farmacolóxicos e doutro tipo, como infusións e terapias, incluídas as unidades do sono nos hospitais, que axudan a gozar dun descanso saudable e reconstituínte.
Eu recoñezo que, aínda que tomo unha dose pequena de Diazepam que me facilita conciliar o sono profundo durante unhas horas, hai tempo que non durmo ben. Algo común do que non se fala moito porque é algo que pertence á intimidade clínica. Cuestións privadas. Mais penso que socialmente si é preciso darlle visibilidade para que os que teñen estes problemas non se vexan como seres que viven nun mundo no que son unha rareza. Pasa o mesmo, xa saben, coas enfermidades mentais ou as tan frecuentes depresións que xa, parece que por fin, podemos falar delas sen poñernos vermellos.
Mais do que eu quería falar realmente é dun sistema que teño para recuperar o sono, que a min funcióname ben, por se queren probar. Por intentalo non perden nada. Aclaro que non sempre funciona. O que fago é viaxar, no espazo e no tempo. En vez de dar voltas na cama, póñome en posición fetal e fago uso da memoria sensorial e fotográfica, positiva e feliz. E viaxo con rumbo coñecido, ou sen el. De repente, nese momento que durmo e non durmo, encóntrome sentado nunha soleada terraza en Roma, fronte do gran Coliseo, cun vermú e un lote de postais na mesa que vou escribir para mandar á familia e algúns íntimos amigos, costume coa que cumpro sempre e que recomendo. Todas personalizadas.
Esa viaxe recordada, esa vivencia nunca esquecida, déixame sedado. E cando volvo espertar, ao mirar o reloxo, vexo que pasou un tempo indeterminado no que durmín sen saber que durmía. Momento no que me invaden sensacións coma as destes versos desérticos de Miguel Sande: «E esperto e penso que son os poemas dun morto os que me fan sentir aínda as palabras exactas nas xemas dos dedos». Palabras que só han de ser soñadas, nunca pronunciadas para non romper ese feitizo que me provoca a viaxe reparadora.
Cada desvelo, unha paisaxe
Cada desvelo require dunha paisaxe determinada. En Lisboa, a carón dunha estatua de Pessoa na Brasileira tomando un café, en Londres sentado ante Chatterton defunto, a imposible comprensión da cor que me deixa Rothko ou a enerxía bestial de Turner, en Madrid tomando un gintonic nas Vistillas mentres os ceos compiten con Goya ao atardecer. Podería seguir, pero a cabeza pide silencio e o pano teatral péchase e permite que a memoria só sexa un bálsamo, unha nana que eu me canto a min mesmo para seguir durmindo e que hoxe comparto con vostedes, na intimidade pública.
Se os relatos pensados se pareceran a eses que xorden nos soños, eu puidera ser un gran articulista, mais o gran problema que padezo ademais de non durmir ben é que de día escáchanme os miolos certas melodías que, por norma, me desgustan. Son un martirio que non quero escoitar. Martelos sonoros que non son capaz de quitarme da cabeza. Non se asusten pola miña saúde, non escoito voces estrañas, nin anxos brancos benefactores, nin anxos negros pecaminosos! Son, por poñer un só exemplo, Camela e esa canción que se repite incansable. «Cuando zarpa el amor, navega a ciegas, es quien lleva el timón...». Para tolear. Créanme, de estar seguro que o suicidio me salvaba destas estrambóticas extravagancias xa o tiña consumado. Pero igual que Chus Lampreave era Testiga, eu son ateo e non creo que teñan remedio estes males que padezo.
Hai noites que, xa case esperto, pego un salto na cama, como cando era neno. Cruzo A Ponte e miro cara o San Martiño para ver a miña nai e as veciñas lavar a roupa no Anllóns e estendela na herba para se branquear. Subo pola Rúa do Sol para ir a Carballo e saúdo a xente que xa non está. A Lita Bolón, por exemplo, que me fala de grandes actrices que nunca viu coma se foran amigas de porta con porta. E sigo ata esa igrexa que tiña góticas agullas, como diría Otero Pedraio. E cando chego a ese concello de estilo modernista e me sento na roseira ao redor da palmeira parece que me sinto ben. Non feliz, pero... Abaixo queda o pilón, coma un pantano urbano. Intento asimilar o que me pertence por memoria. Mais de repente xa non vexo nada, todo son cinzas que o vento e o mal facer nos quitaron. Disto que falo só queda un soño romántico, un pesadelo. Os tempos non perdoan. Tamén eu antes durmía perfectamente e, xa ven, hoxe quéixome de que a noite sempre é demasiado longa. Teñan bos soños e sexan felices. Viaxen. Ás veces funciona...
Nota | Este artigo é un avance do que se publicará na revista do San Xoán de Carballo este 2026.
DNI
Nacido no municipio de Ordes, Santi Pazos é licenciado en Socioloxía pola Universidade Complutense de Madrid. Tamén escritor e articulista, é asiduo colaborador deste medio de comunicación, onde dende hai anos retrata o Festival Internacional Outono de Teatro (FIOT) a través das súas críticas. Carballés dende xai xa ben anos, é un asiduo asistente aos actos culturais deste territorio.