Se lle preguntamos a alguén que se imaxina cando pensa na Costa da Morte, han de soar as ondas do mar bravo batendo contra as rochas, onde saltan percebeiras e percebeiros, que falan con gheada e seseo, e que coñecen os nomes de todos os baixos onde encallaron grandes navíos con historias impresionantes de heroísmo e traxedia. É o gran tópico da nosa rexión, forxada desde as crónicas de naufraxios do século XIX até as peripecias de Currás en Mareas Vivas. Non conta todo o que somos, pero si a parte que esperan de nós os turistas. É un relato poderoso, moi atraente, aínda que incompleto. Para contar a Costa da Morte fan falta moitas pezas, moitos capítulos.
Os museos e centros de interpretación son iso, os episodios dunha serie. Foron creados por guionistas que normalmente son políticos, técnicos municipais ou asociacións. Xorde unha idea, conséguese o diñeiro e búscase que sexa o filme máis
«taquillero», o que atraia máis visitantes.
Hai vinte anos, co cambio de século, vivimos na Costa da Morte o boom destes centros, sobre todo co Plan de Dinamización Turística tralo desastre do Prestige. Eran os tempos do efecto Guggenheim, dos grandes museos dos que fachendear. Algúns non chegaron a rematarse, outros están fechados e outros permanecen abertos pero sen actualizarse desde aquela.
Foron vistos como motores económicos, de atracción de turistas, pero hoxe non podemos pensar só niso. Que importante é que sirvan para que as nenas e nenos dos colexios aprendan e descubran; para que as veciñas e veciños os usen como centros de encontro social e así ter vida ao longo de todo o ano. Faltan historias por contar, é certo. Pero tamén unha reflexión sobre a quen lle queremos contar esas historias.
Manuel Rial é vimiancés. Licenciado en Xornalismo, con mestrado en Servizos Culturais, dedícase á comunicación e xestión do patrimonio. É, por outra banda, guía oficial de turismo.