Síndrome de Down: respecto e lugar

Guadalupe Vázquez Formoso

CARBALLO

Down Galicia ten a súa sede en Santiago de Compostela
Down Galicia ten a súa sede en Santiago de Compostela SANDRA ALONSO

20 mar 2026 . Actualizado a las 05:00 h.

Hai persoas que chegan ao mundo para lembrar aos demais que a vida non sempre ten que correr e competir. As persoas con síndrome de Down traen, moitas veces, esa luz serena que descoloca a unha sociedade demasiado afeita á présa e á medida exacta de todo. E talvez por iso incomodan a algúns: porque lles poñen diante dos ollos unha verdade sinxela e inmensa, a de que a dignidade e valía non se miden en rendementos.

O verdadeiro problema non está nun cromosoma de máis. Está na debilidade nos sistemas de asistencia, na falta de medidas políticas eficaces e na crueldade de quen sinala, aparta ou reduce unha persoa a unha etiqueta. Está nun mundo que fala moito de inclusión mentres segue levantando valados invisibles. Está en quen ofrece compaixón no canto de respecto, e tolerancia no canto de igualdade.

Mais hai algo fermoso e fondamente humano en quen vive co afecto sen máscara, coa verdade sen dobrez. Nesa maneira limpa de estar no mundo hai unha lección que moitos aínda non aprenderon, porque ás veces son eles quen mellor nos ensinan o esencial: que querer, acompañar, rir, abrazar e mirar de fronte segue sendo o máis importante.

O 21 de marzo, polo Día Mundial da Síndrome de Down, cómpre dicilo alto e sen paternalismos: eles non precisan conmiseración nin tampouco admiración de escaparate. Precisan dereitos, respecto e lugar.

Porque non veñen para ser parte do decorado dun mundo multicor: veñen vivir a súa vida, ao seu ritmo, con ollos felices e corazóns cheos de afectividade. E iso debería abondar para que o mundo estivese, por fin, á súa altura.