Conta atrás para o II Ponte Friki da Ponte do Porto, mellor e máis grande
CARBALLO
O grande encontro dedicado á cultura friki será a vindeira fin de semana, sábado 14 e domingo 15 de marzo
07 mar 2026 . Actualizado a las 23:33 h.Sábado 14 e domingo 15 de marzo • A Asociación Carnavales Ponte do Porto —PonteDisfraz—, co apoio do Concello de Camariñas, pule xa os detalles do que será o gran evento dedicado á cultura xaponesa, o gaming, o cosplay e o lecer alternativo. A cultura friki tomará A Ponte do Porto e por tanto a Costa da Morte na segunda edición de Ponte Friki: será o sábado 14 e domingo 15 de marzo, a vindeira fin de semana. A acollida da primeira edición foi «enorme», polo que para a segunda o salto vai ser «cualitativo e cuantitativo». O polideportivo porteño ampliarase coa instalación de tres carpas climatizadas, ofrecendo o dobre de contidos e actividades ca no 2025.
Como prato fortes, grandes convidados. É o caso, o sábado ás 17.30 horas, do concerto da pianista e creadora de contido Elesky. Para o domingo será a quenda do actor de dobraxe Julio Lorenzo, voz do primeiro Goku en galego. Ponte Friki distribuirase en espazos temáticos para todos os públicos: zona Gaming, zona de talleres, zona de estands e exhibición e espazo de escenario e lecer. Outro momento máxico: o sábado 14 ás 20.00, cun lanzamento de faroliños, xusto antes da festa temática PartyFriki, de entrada gratuíta e co único requisito de portar algún complemento ou roupa «friki». Amenizarán Os Gremlins e pechará DJ Mai. De cara a facilitar a asistencia, habilitáronse buses dende A Coruña ou Vigo. As entradas teñen un custe de 6 euros (un día) ou 9 (dous), con opcións de packs.