As mulleres que sosteñen a vida en común

Patricia Vaquero O FARO

CARBALLO

Patricia Vaquero é socióloga e impulsou a consultoría Nós Igualdade
Patricia Vaquero é socióloga e impulsou a consultoría Nós Igualdade

08 mar 2026 . Actualizado a las 05:00 h.

Hai unha forza silenciosa que sostén as comunidades e que raramente ocupa titulares: o traballo das mulleres. No asociacionismo, no voluntariado, nas redes veciñais ou nas iniciativas sociais, son elas quen, na maioría das ocasións, organizan, acompañan, mobilizan e responden cando algo fai falta.

Non é unha casualidade. As mulleres fomos educadas historicamente para coidar, para estar pendentes das necesidades alleas e para responsabilizarnos do benestar colectivo. Esa socialización feminina explica por que, cando hai que implicarse, organizar ou manter vivos os espazos comunitarios, son tantas veces elas quen dan o paso.

Pero ese compromiso adoita sosterse sobre unha realidade pouco recoñecida. Porque mentres participan activamente na vida social e comunitaria, as mulleres seguen asumindo maioritariamente as responsabilidades e os coidados no ámbito familiar. As tarefas domésticas, a atención ás crianzas, ás persoas maiores ou dependentes continúan recaendo principalmente sobre elas sen contar co tempo dedicado ao mundo laboral e profesional.

Falamos, en definitiva, dun traballo imprescindible para o funcionamento das sociedades. Os coidados sosteñen a vida, e tamén sosteñen as comunidades. Sen esa dedicación constante, moitas das redes de apoio, iniciativas sociais e proxectos que manteñen vivos os territorios non existirían.

E, con todo, segue sendo un labor profundamente invisibilizado e infravalorado.

Neste 8 de marzo é necesario recoñecer e poñer en valor todas esas contribucións que tantas mulleres realizan cada día desde o asociacionismo e o compromiso comunitario. Pero tamén é necesario abrir unha reflexión colectiva: quen sostén a vida e en que condicións.

Porque unha sociedade máis xusta e igualitaria pasa, inevitablemente, por recoñecer os coidados e por repartir a responsabilidade de sostelos.