O Concello presentou este mércores a súa programación en torno ao Día da Muller
25 feb 2026 . Actualizado a las 19:26 h.Co mes de marzo a piques de comezar, os Concellos da Costa da Morte van divulgando a súa programación en torno ao 8M, Día da Muller. Este mércores fíxoo o da Laracha, e neste caso aposta o consistorio por cultura feita en feminino, actividades de sensibilización para as vindeiras semanas co ánimo de promover reflexión, participación e avance cara unha igualdade real entre homes e mulleres. A igualdade é algo transversal, unha liña de traballo común a todas as áreas, e a loita vai máis alá dun día, afirmou o rexedor, José Manuel López Varela, agradecido polas propostas ao departamento responsable, representado pola concelleira de Igualdade, Rocío López; a directora do CIM, Ana Aldao, e a técnica de Igualdade, Alba Varela.
Debido ás obras no consistorio, a concentración este ano será na Praza da Casa da Cultura, o propio domingo 8 ás 12.30. Nenos do Espazo de Participación da Infancia e a Adolescencia (EPIA) lerán o manifesto e actuará A Casa da Música. É singular na programación, doutro lado, un ciclo de curtas dirixido por mulleres e organizado en colaboración coa plataforma CortoEspaña: as proxeccións —16 traballos de directoras de carácter nacional— serán os sábados 7, 14 e 21 de marzo, todas ás 19.30 na Casa da Cultura e con acceso libre. Para os máis pequenos, nenos de 5 a 8 anos, programáronse dúas citas cos contos, ambas con Tamara R. Pereira, educadora social, animadora sociocultural e promotora da igualdade: o xoves 5 na biblioteca de Paiosaco e o 12 na de Caión (18.00 horas). Finalmente, nas tres bibliotecas municipais —A Laracha, Paiosaco e Caión— habilitaranse espazos específicos con recomendacións de lecturas ligadas á cuestión da igualdade.