Guadalupe Vázquez aborda a transfobia na súa nova novela «Eu, Monstro»

La Voz CARBALLO/ LA VOZ

CARBALLO

Guadalupe Vázquez, coa súa nova novela
Guadalupe Vázquez, coa súa nova novela .

É unha obra, de novo, para público xuvenil, publicada pola editorial Toxosoutos 

20 ene 2026 . Actualizado a las 23:15 h.

A escritora carnotá-ceense Guadalupe Vázquez Formoso segue a incrementar a súa produción literaria e tamén as causas sociais que aborda. Se moi recentemente foron o acoso escolar ou a violencia machista, agora ten a autora nova obra, unha novela para público xuvenil, publicada pola editorial Toxosoutos, na que aborda o tema da transfobia. Eu, Monstro, título da publicación, dá cabida nas súas liñas «a unha realidade que algúns rapaces e rapazas enfrontan no seu día a día, a miúdo con dor e soidade», reflexiona a propia autora. Pretende con esta novela no só amosar as dificultades e inxustizas que sofren as persoas transxénero, senón tamén poñer en valor a súa valentía e capacidade «para atopar a felicidade e autenticidade nun mundo que ás veces parece empeñado en negar a identidade de cada un». Por tanto, enfoca a novela como celebración desta diversidade e como convite a construír pontes de amor e respecto. Eu, Monstro xa chegou ás librarías, unha obra pensada para adolescentes, mais non só. Moi especialmente, vai para aqueles que algunha vez se sentiron monstros sen selo.