Catro citas coa divulgación e a participación hoxe na Costa da Morte

La Voz CARBALLO/ LA VOZ

CARBALLO

Manuel López, secretario da IXP Castaña de Galicia, estará hoxe en Oza, Carballo
Manuel López, secretario da IXP Castaña de Galicia, estará hoxe en Oza, Carballo MARCOS MÍGUEZ

Axenda diaria | Cances e Oza, en Carballo, así como Vilaño e Cerceda, acollen propostas este 15 de xaneiro 

15 ene 2026 . Actualizado a las 05:00 h.

Hoxe • Asociación Adro de Vilaño e Cruz Vermella veñen de emprender unha colaboración para o impulso, por vez primeira, do programa Avós e Avoas Educadoras na Laracha. A iniciativa vai dirixida a persoas que teñen netos con idades entre 0 e 18 anos, sexan ou non de Vilaño ou do municipio. Hoxe daranse a coñecer os detalles, nun encontro previsto para as 19.30 no centro sociocultural de Vilaño.

Despois do parón do Nadal, doutra banda, o Concello de Carballo retomará hoxe un dos seus instrumentos de participación cidadá, os Consellos Parroquiais. O primeiro será esta mesma tarde, ás 20.00 horas, no centro social de Cances. Entrecruces e Goiáns acollerán os dous seguintes, tamén ás 20.00 e os días 22 e 29 de xaneiro, respectivamente. Ambos serán tamén nos correspondentes centros sociais.

Conversas do Rural sobre castañas, en Oza

Hoxe • Avanzará este xoves 15 de xaneiro o ciclo Conversas do Rural impulsado pola asociación Senda Nova. Coa sesión prevista para as 17.00 horas no Espazo da Natureza de Oza (Carballo), o convidado de hoxe será Manuel López Vilariño, secretario da Indicación Xeográfica Protexida Castaña de Galicia. O título da súa intervención: Unha IXP para todas as castañas de Galicia. Pode acudir á conferencia quen así o desexe.

Para aprender de alimentación e saúde, Cerceda

Hoxe • O viveiro de empresas de Cerceda acollerá hoxe, ás 11.00 horas, a sesión inaugural dunhas xornadas sobre a promoción da saúde que se estenderán ata o mes de xuño. As dúas primeiras combinarán teoría e práctica sobre alimentación saudable, o prato de Harvard, o planificador de comidas e o etiquetado tradicional. Logo da cita deste xoves, a seguinte parada será o vindeiro 29 de xaneiro.