As dúas obras están moi ligadas a Carballo e Bergantiños. Tamén á lingua e identidade
08 nov 2025 . Actualizado a las 00:25 h.Ricardo Rei Gómez vén de autopublicar na plataforma Amazon dúas obras que gardan fonda vinculación con Carballo e Bergantiños. Tamén coa lingua galega e coa identidade cultural, segundo dá traslado o autor. «Elaboradas con agarimo, desde o respecto pola nosa fala e a curiosidade polo que somos», engade.
Un dos libros leva por título A foliada dos bichos, un microrrelato ambientado no feirón de Carballo, unha fábula distópica, con retranca, na que os animais se organizan para derrubar o sistema. «É unha sátira sobre o poder humano e o mundo que deixamos atrás, así como unha defensa do rural e da liberdade», di Ricardo. «Un mini conto para adultos» que introduce así: Nun mundo onde os animais falan, bailan e se organizan mellor ca moitos concellos, hai historias que non se poden contar sen meter un pouco de unto vello, un pisco de misterio e unha boa cullerada de retranca...
O segundo dos traballos é Así falamos por Carballo: Bergantiños en 366 palabras. Trátase dun proxecto iniciado hai 15 anos que recolle termos e expresións propias fala carballesa e bergantiñá: «Un pequeno dicionario sentimental e persoal co propósito de poñer en valor a fala viva da comarca e das nosas avoas e avós».
Curtas e con humor
Cada unha das publicación ten sobre 60-70 páxinas e comparten ton próximo, humor e reflexión: «Non pretenden ser obras perfectas nin académicas, senón un xesto de amor pola lingua e polo lugar ao que pertencemos», narra o seu artífice, que as referencia «pensadas para lectores habituais e non habituais».
«Aínda que son traballos humildes e autopublicados, gustaríame pensar que poden achegar algo positivo á cultura local, fomentar o interese pola lectura en galego e abrir pequenas conversas sobre quen somos e como falamos», reflexiona.