Rosalía sacou un novo traballo cheo de referencias líricas e veladas alusións ao sacro, ás virxes e mais a outras divindades. Pasar dunha música comercial a un segmento minoritario e pouco entendible é, cando menos, un acto arriscado. A min, a súa canción, aseméllame á ópera prima perfecta que serviría de banda sonora do Día de Defuntos. Ese día que como o seu nome indica é tétrico, pero tamén de recollemento, ofrenda para os que se foron e alento para os que quedan. Quizais a nós, os novos, non nos leven xamais unha rosa ás nosas lápidas. Que perda tan irremediable sería perder unha tradición de gardar coma a do primeiro de novembro. Eu, persoalmente, desconfío profusamente daqueles aos que non lle gustan os cemiterios. Encontro poucos lugares que me doten de maior sosego e tranquilidade. Nel reconfórtome lendo os epitafios dos que me precederon, evocando na memoria aqueles recordos de antano que hoxe asemellan follas caducas na miña cabeza. Por veces, xa me esquezo das súas voces e encho os baleiros con imaxinación, desdebuxando a realidade, facéndoa miña. Edulcorándoa suavemente para facer esmorecer a dor. Por momentos, pásame como moita xente e intento crer noutro plano. Imaxino que un día as augas de Caronte me leven a volver apreixar aos que quero nunha profunda aperta e confórtame. Sinto que todo tería sentido se puidera volver bicar na meixela a aqueles que amei profundamente. Intento pensar que o amor é un sentimento capaz de traspasar barreiras tan opacas coma o esquecemento. Ampárome niso para recordalos con dignidade. Sufrago as esperanzas con memorias e todo ten sentido. Polo momento, onte depositei un feixe de flores no cemiterio e sorrín ao ceo.